Camiño de Fisterra e Muxía

Etapa: Santiago - Negreira

  • Lonxitude 20,9 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 4h 20min
  • Escoita o percorrido da etapa

O itinerario xacobeo cara a Fisterra e Muxía iníciase na Praza do Obradoiro de Santiago, meta do resto dos camiños. Cruza o río Tambre pola Ponte Maceira, ata alcanzar a vila de Negreira, de orixe medieval.

Santiago de Compostela- Alto do Vento

  • Lonxitude 8,9 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 1h 45min

Saímos desde a Praza do Obradoiro. Enfilamos a ruta pola desaparecida Porta do Peregrino ou da Trindade, camiño abaixo pola Costa do Cristo, e continuamos pola xenuína Rúa das Hortas, mentres deixamos á nosa esquerda a igrexa de San Frutuoso. No número 37 desta rúa, unha placa lémbranos que aquí naceu o intelectual galeguista, pintor e empresario Isaac Díaz Pardo (1920-2012), renovador da famosa cerámica de Sargadelos. Seguimos pola Rúa do Cruceiro do Gaio, Poza de Bar e chegamos á carballeira de San Lourenzo, arboredo de robustos e inspiradores carballos centenarios.

Transitamos por espazos bucólicos aos que a poetisa Rosalía de Castro lles dedicou algún dos seus mellores versos. No seu libro Follas novas (1880) escribe a “… aqués vellos carballos, / amostrando as súas raíces / cálva-las redondas copas…”.

Os límites polo oeste da leira do pazo de San Lourenzo condúcennos, camiño abaixo, ata a canle do río Sarela, belo afluente do Sar. Nas súas marxes sobreviven as ruínas do vello esplendor das fábricas de curtidos, pois en Santiago medrou, ata o último terzo do século XIX, unha boiante industria do coiro.

Deixamos a parroquia de Figueiras á esquerda, e logo veñen Villestro, Roxos e Alto do Vento, xa no municipio de Ames.

Santiago de Compostela - Alto do Vento

Alto do Vento- Mar de Ovellas

  • Lonxitude 3,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 55min

Alcanzamos o acolledor núcleo de Augapesada —onde destaca a ponte medieval con arco de medio punto— e ascendemos ata a dura cima de Mar de Ovellas, con magníficas vistas sobre o val da Maía.

Alto do Vento - Mar de Ovellas

Mar de Ovellas- Ponte Maceira

  • Lonxitude 4,7 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 55min

Pasamos os núcleos de Carballo, Trasmonte, Reino e Burgueiros, e cruzamos o río Tambre pola ponte máis significativa deste Camiño, A Ponte Maceira.

Mar de Ovellas - A Ponte Maceira

Ponte Maceira- Negreira

  • Lonxitude 3,8 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 45min

Ao outro lado comeza a comarca da Barcala —que destaca pola súa produción láctea e cárnica— e o municipio de Negreira. Despois da Ponte Maceira tomamos un carreiro arborizado próximo ao río e entramos na Barca. Subimos ata A Chancela e, de fronte, chegamos a Negreira, a maior poboación —supera os 2.000 habitantes— que cruza o peregrino antes de chegar á costa. Á entrada recíbenos o pazo da Chancela, en cuxo escudo se representa a ponte destruída sobre o río, que cortaría o paso dos soldados que perseguían os discípulos de Santiago, segundo a narración do Libro III do Códice Calixtino.

A vila de Negreira, de orixe medieval, foi levada á literatura por Ernest Hemingway, entre outros, quen alude a ela na novela Por quen dobran as campás. Ao atravesar a localidade chegamos ao albergue, tras pasar xunto á capela de San Mauro, o pazo do Cotón e despois de cruzar o río.

A Ponte Maceira - Negreira