Onde hoxe está a igrexa de San Fiz de Solovio vivía o eremita Paio
Dos primeiros peregrinos á actualidade
O eremita Paio descobre a tumba na década de 820
Ao redor do ano 820, prodúcese o achado da tumba de Santiago o Maior e inmediatamente a creación do "Locus Sancti Iacobi", o lugar sacro para venerar os seus restos.

Nun momento impreciso da década de 820-830, prodúcese o descubrimento da tumba de Santiago o Maior. No noroeste peninsular (Reino de Asturias) reina Afonso II. El é o primeiro gran valedor. Criouse no mosteiro de Samos e recibe con entusiasmo a noticia que lle transmite o bispo de Iria, Teodomiro.
O eremita Paio observou durante varias noites unhas enigmáticas luminarias sobre o bosque Libredón e informou diso o bispo Teodomiro de Iria
Un eremita do lugar de Solovio (onde hoxe se alza a igrexa de San Fiz de Solovio) e de nome Paio localizou, nun bosque chamado Libredón, as ruínas dun primitivo enterramento. Conteñen as que serán identificadas como tumbas do apóstolo Santiago e dos seus discípulos Teodoro e Atanasio.
Esta aparición confirma unha arraigada tradición popular que documentaran antes os monxes Beda o Venerable e Beato de Liébana. Pero faltaban estas probas. Deseguido, o rei Afonso II visita o lugar e manda edificar unha modesta igrexa, que logo reconstruirá Afonso III (ano 899). Estamos no xerme da actual Catedral e cidade de Santiago.
Reis, abades e monxes, os primeiros peregrinos (séculos IX e X)
Monarcas ástures, abades e monxes franceses e alemáns son os primeiros en chegaren a Santiago desde finais do século IX.

Os soberanos ástures Afonso II e Afonso III, xunto coa Corte de Oviedo, son os primeiros peregrinos coñecidos do século IX. Afonso III o Magno peregrinou en 872 e regresou coa raíña Ximena dous anos máis tarde, en 874, momento no que lle doou ao apóstolo Santiago unha cruz de ouro e pedrerías, emblema do Reino de Asturias.
Os reis ástures Afonso II e Afonso III, xunto coa Corte de Oviedo, son os primeiros peregrinos coñecidos do século IX
No século X comezan a chegar peregrinos europeos, como Bretenaldo, un franco que chegou no ano 930 e que decidiu asentarse como veciño da primitiva Compostela. Dous anos máis tarde, cara a 932, peregrinou o rei Ramiro II. Con todo, o peregrino máis famoso do século X foi o bispo Gotescalco de Le Puy, que viaxou a Compostela en compañía doutros clérigos e dun grupo de fieis de Aquitania a finais de 950.
Pouco despois, en 959, peregrina ao santo lugar o abade Cesáreo do mosteiro catalán de Santa Cecilia de Montserrat. Pediu a axuda da Igrexa compostelá para solicitar do papa a restauración da sé episcopal de Tarragona. Este trámite de intercesión incrementou o peso da sé apostólica no Reino de León e reforzou a posición de Compostela como sé prestixiosa do occidente peninsular.
A época de ouro das peregrinacións (séculos XI-XIII)
Francia, Italia, o centro e o leste de Europa, Inglaterra, Alemaña, mesmo Islandia, e por suposto toda a Hispania chegaban a pé, a cabalo, en barco…

Santiago consolídase rapidamente como centro de peregrinación internacional entre os séculos XI e XIII. E isto ocorre grazas a unha unión de forzas e intereses que, a favor de Compostela, levaron a cabo os principais centros de poder occidental: a coroa (desde Afonso II a Afonso VII ou Sancho Ramírez), o papado (Calisto II ou Alexandre III) e as ordes monacais (as abadías de Cluny e o Císter). Así escribirá o Camiño a súa historia milenaria.
A historia tamén nos fala da peregrinación á tumba do apóstolo, en 1214, de San Francisco de Asís
A época de ouro das peregrinacións sitúase nestes séculos: Francia, Italia, o centro e o leste de Europa, Inglaterra, Alemaña, mesmo Islandia e por suposto toda a Hispania chegaban a pé, a cabalo, en barco… e eran asistidos principalmente por unha rede de hospitais fundados por reis, nobres e burgueses das cidades, sobre todo nos barrios de francos, e polos monxes de Cluny, que recibían os peregrinos nos seus mosteiros.
A historia tamén nos fala da peregrinación á tumba do apóstolo, en 1214, de san Francisco de Asís, feito que inaugura un dos capítulos máis fértiles do Camiño de Santiago: a renovación da espiritualidade occidental a través do labor educativo, evanxelizador e fraternal dos franciscanos. En Santiago, fundan o primeiro convento da Orde de San Francisco.
A hospitalidade, sinal de identidade do Camiño de Santiago
A acollida ao peregrino constitúe un dos aspectos fundamentais da experiencia do Camiño desde a Idade Media.

A acollida ao peregrino constitúe un dos aspectos fundamentais da experiencia do Camiño desde a Idade Media. Un servizo permanente de axuda sanitaria e espiritual que foi organizado desde as diversas institucións, desde a Coroa e a Igrexa, ata o propio pobo. Foi crucial a fundación de hospitais dedicados a atender as necesidades espirituais, materiais e sanitarias do crecente número de peregrinos que se dirixían a Santiago.
Desde os primeiros tempos da peregrinación, a Coroa, a Igrexa e o propio pobo organizaron un servizo permanente de axuda sanitaria e espiritual
A maioría das institucións hospitalarias para peregrinos e pobres creáronse a través das doazóns achegadas por comunidades relixiosas, sedes episcopais, familias nobres, altos clérigos e, sobre todo, polos reis. Os monarcas fundaron gran cantidade de hospitais no Camiño de peregrinación, co que manifestaban a vontade da Coroa de exercer a virtude cristiá da caridade e de servir a Deus e a Santiago como santo patrón do reino. Nos pequenos hospitais medievais era costume ofrecer salas con doce camas, ou seis leitos dobres, en recordo dos doce apóstolos de Xesús.
Para a mentalidade medieval o peregrino era un enviado do ceo, polo que había que consideralo e tratalo coma se fose o propio Xesús Cristo. Por iso non era infrecuente que nas escenas da aparición de Xesús resucitado aos discípulos de Emaús se representase o Salvador como peregrino, con distintivos propios da peregrinación xacobea, como o zurrón e a cuncha de vieira. A ocasión máis coñecida desta identificación é o soado relevo románico do claustro de Santo Domingo de Silos (Burgos).
A baixa Idade Media (séculos XIV e XV)
O Camiño resistiu nesta época os prolongados períodos de fame, de crise económica e de pensamento.

A historia do Camiño de Santiago corre parella ás vicisitudes da historia de Europa. Pero malia a influencia negativa que sobre a vida e a cultura causaron episodios como a Guerra dos Cen Anos (1337-1453), a Peste Negra (1348) e os prolongados períodos de fame e de crise económica e de pensamento, o Camiño de Santiago continuou vivo no duro trescentos e no máis benéfico século XV.
A finais do século XIV, a Galicia costeira —co porto da Coruña como referente— potenciará coa Europa atlántica unha dinámica comercial de resultados fecundos
Na celebración do ano santo romano de 1300, o papa ofrécelles aos peregrinos a indulxencia plenaria ou o perdón dos pecados. A fins do XIV iníciase unha etapa de expansión económica que se desenvolve no século seguinte. Neste marco de crise, caos e recuperación, campesiños, burgueses, guerreiros, nobres e relixiosos peregrinan sobre todo en períodos de treguas, baixo o manto dunha cosmovisión que interpretaba a Vía Láctea como un camiño de almas rumbo ao Paraíso.
O encontro co marabilloso seduce tanto os máis humildes coma os cabaleiros. O rei Afonso XI de Castela (1325-1350) é armado cabaleiro en Compostela. Dona Isabel de Aragón (ca. 1270-1336), viúva do rei don Dinís de Portugal, peregrina en 1325 e doa a súa coroa, entre outras posesións e riquezas persoais. A comezos de 1343, chega a Compostela santa Bríxida de Suecia (1303-1373), que peregrina na compaña do seu marido, Ulf Gudmarsson, e doutras persoas. Na catedral sufriu unha visión mística, algo habitual na súa vida.
Durante o último terzo do século XIV, a Galicia costeira potenciará coa Europa atlántica unha dinámica comercial de resultados fecundos. A situación de crise padecida en Francia, Flandres, Inglaterra e outros países impulsa en Galicia un comercio internacional ligado á peregrinación por vía marítima, que terá na Coruña, porto de peregrinos, o seu máximo lugar de referencia.
Ao porto coruñés arribaron nas décadas finais do XIV e durante o século XV un gran número de barcos cargados con peregrinos de Flandres, Bretaña, Inglaterra e os países bálticos, e con mercadorías flamengas, de Andalucía, Cataluña, Xénova e Venecia. Os mesmos peiraos exportaban peixe afumado ao Mediterráneo e viño do Ribeiro con destino á Europa atlántica.
A peregrinación xacobea na Idade Moderna (séculos XVI-XVIII)
A Reforma protestante e as guerras de relixión nos territorios alemáns e en Francia restaranlle moitos peregrinos ao Camiño.

No século XVI, o Camiño de Santiago vivirá unha profunda crise, motivada por varias razóns. En primeiro lugar, influíu negativamente a sensibilidade dos intelectuais humanistas, que partían da crítica irónica que Erasmo de Rotterdam lle dedicou ao tema da peregrinación. Unha crítica que se endurece con Lutero. A Reforma protestante e as guerras de relixión nos territorios alemáns e en Francia restaranlle moitos peregrinos ao Camiño. Coa guerra aberta entre a España imperial de Carlos V e Francia, esta situación de fractura mantense, e aínda é peor en tempos de Filipe II, co peche de fronteiras para evitar a entrada do luteranismo nos seus reinos.
En maio de 1589, ante o temor dun ataque a Compostela por parte dos ingleses de Francis Drake, o arcebispo Juan de Sanclemente ordenou a ocultación do corpo do apóstolo
A Inquisición tamén constitúe un problema no XVI, pois as súas sospeitas afectábanlles a todos os estranxeiros, mesmo aos peregrinos xacobeos, algúns deles acusados de espionaxe. Tras a celebración do Concilio de Trento (1545-1563), a Igrexa católica reármase ideoloxicamente, coa exaltación do culto á Virxe e aos santos.
En maio de 1589, ante o temor dun ataque a Compostela por parte dos ingleses de Francis Drake, cuxos barcos atacaban A Coruña, o arcebispo Juan de Sanclemente ordenou a ocultación do corpo do apóstolo Santiago dentro do recinto do presbiterio da catedral. O seu exacto paradoiro sería descoñecido durante varios séculos, concretamente ata 1879, ano do segundo descubrimento dos restos apostólicos.
A relixiosidade barroca, empapada deste espírito contrarreformista, favorecerá a reactivación do Camiño de Santiago no século XVII, en especial durante os anos santos, aínda que na ruta terán que convivir os xacobitas con falsos peregrinos, interesados en viviren da caridade e das esmolas nas vilas e nas cidades. A Revolución Francesa de 1789 e a guerra de varias potencias europeas contra Francia motivarán un novo descenso no número de peregrinos ao final do século XVIII.
O Camiño de Santiago na Idade Contemporánea (séculos XIX e XX)
O segundo descubrimento das reliquias do apóstolo (1879) marcou a recuperación dun Camiño que posteriormente, no século XX, estaría condicionado polo azoute da guerra española e das contendas mundiais.

Españois e portugueses manterán a chama peregrina nunhas décadas de moi pouca afluencia que mesmo chega a afectar aos anos santos. A tendencia comezou a cambiar a partir do segundo descubrimento do corpo de Santiago, en 1879, coa declaración papal do achado dos restos apostólicos, afirmada na bula Deus Omnipotens (1884), e coa celebración dun ano santo extraordinario en 1885.
Nos anos 50 e 60 do século XX comezou timidamente a recuperación, coa creación das primeiras asociacións xacobeas de París (1950) e Estella (1963) e tamén coa celebración dos Anos Santos de 1965 e 1971
O Camiño de Santiago volverá repuntar nas décadas finais da centuria e a comezos do século XX, sobre todo grazas á acción pastoral dos arcebispos Payá e Martín de Herrera. A quebra da Guerra Civil española (1936-1939) partiu en dúas unha sociedade que tardaría en recuperar o ímpeto das peregrinacións, nunha Europa sumida en dúas guerras mundiais e na tensión da posterior Guerra Fría.
Nos anos 50 e 60, comezou timidamente a recuperación, coa creación das primeiras asociacións xacobeas de París (1950) e Estella (1963) e tamén coa celebración dos Anos Santos 1965 e 1971. O impulso definitivo chegará a partir de 1982, coa peregrinación do papa Xoán Paulo II e o seu discurso europeísta no altar maior da catedral de Santiago.
Na actualidade
Fronte a un mundo globalizado, a experiencia da peregrinación a Santiago é única.

As primeiras décadas do século XXI están marcadas por unha concepción global do pensamento e da economía; polo desenvolvemento da tecnoloxía dixital ao servizo da comunicación, da cultura e do entretemento; pola ameaza do terrorismo yihadista —os atentados do 11 de setembro de 2001 en Nova York e Washington poden sinalar o inicio da centuria—; por unha crecente preocupación polo medio ambiente e polo estalido en 2008 dunha crise económica mundial que endureceu a situación social.
Neste comezo de século e de milenio a peregrinación xacobea é, máis ca nunca, un fenómeno transversal; por unha banda, espiritual e ecuménico e, por outra, aberto ao coñecemento, á amizade e á comprensión mutua
Ante esta ansiedade e a procura de novas experiencias enriquecedoras, a peregrinación tradicional a Santiago propón un cambio radical de comportamento, unha alternativa de valores humanos e universais fronte a un mundo cada vez máis globalizado, e tamén alienante e competitivo.
Neste comezo de século e de milenio a peregrinación xacobea é, máis ca nunca, un fenómeno transversal; por unha banda, espiritual e ecuménico e, por outra, aberto ao coñecemento, á amizade e á comprensión mutua. Un Camiño cuxos peregrinos contan ademais coa vivencia da paisaxe, da historia, da cultura compartida e da solidariedade.
O peregrino atópase hoxe cun espazo considerado sagrado durante séculos: o propio Camiño de Santiago e unha xeografía sacralizada que é tamén itinerario histórico e cultural. É, en definitiva, unha forma distinta de peregrinación, que non nega a tradicional, senón que lle suma os anhelos e as motivacións das sociedades contemporáneas.