Etapa Olveiroa - Corcubión
Camiño de Fisterra e Muxía
Etapa: Olveiroa - Corcubión
Un impresionante río Xallas preside o inicio desta etapa. Antes de alcanzar a ría de Corcubión, a ruta condúcenos polas inmediacións do santuario da Nosa Señora das Neves e o alto do Cruceiro da Armada.
Olveiroa- Hospital
Saímos de Olveiroa contemplando un impresionante río Xallas que flúe encaixado entre unha frondosa vexetación. Cruzamos o río Hospital, entramos no Logoso e logo na aldea de Hospital, un lugar que contou cun modesto hospital para peregrinos, hoxe desaparecido. Pouco despois aparece a rotonda que bifurca os camiños a Fisterra e Muxía.
Olveiroa - Hospital
Hospital- Cruceiro da Armada
A ruta condúcenos polas inmediacións do santuario da Nosa Señora das Neves, o monte de Ousado e a ermida de San Pedro Mártir, na parroquia da Pereiriña. Xa no alto do Cruceiro da Armada (247 m) contemplamos de lonxe, pero por vez primeira, o cabo Fisterra.
Hospital - O Cruceiro da Armada
Cruceiro da Armada- Corcubión
Un marcado descenso, con vistas á ría de Corcubión, guíanos ata Cee, a primeira localidade da comarca á que chega o peregrino. Cee é o municipio máis grande da Costa da Morte, conta cunha notable actividade comercial e cun concorrido mercado dominical. Alcanzamos o centro da vila a través de Campo Sacramento e da Rúa Magdalena.
Moi próxima está Corcubión, que conserva unha zona antiga declarada conxunto histórico-artístico. Pola Rúa San Marcos chegamos á bela igrexa homónima, construída en estilo gótico-mariñeiro a fins do século XV. Conserva no seu interior unha imaxe do patrón da localidade tallada a fins do XV ou comezos do XVI no norte de Italia.