Etapa curta, de 14 km, pero de dificultade alta, que culmina no mítico e simbólico faro de Fisterra. O océano ábrese ante nós como unha enorme panorámica fotográfica.
Etapa Corcubión - Fisterra
Corcubión- Sardiñeiro
Lonxitude 4,9 Km
Dificultade Media-Alta
Duración estimada 1h 00min
Desde Campo do Rollo, en Corcubión, emprendemos un forte ascenso que nos conduce ao Campo de San Roque e á aldea do Vilar. Pasamos os núcleos da Amarela e logo Estorde. En Sardiñeiro transitamos por tramos que foron Camiño Real.
Atravesamos unha comarca que ten un dos litorais de maior beleza da Península Ibérica, con grandes e tranquilos areais que amortecen a fronte rochosa e un mar bravo que deixou centos de historias, e tamén lendas de naufraxios e rescates.
Rodeamos a cala do Talón, logo chegamos a Calcova e alcanzamos a extensa e bela praia da Langosteira. Ao fondo emerxe, como unha illa, a vila de Fisterra. O trazado do Camiño discorre entre as dunas do areal, pero moitos peregrinos deciden completar este tramo a pé de praia.