Camiño de Fisterra e Muxía

Etapa: Fisterra - Muxía

  • Lonxitude 28,7 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 7h 15min
  • Escoita o percorrido da etapa

O Camiño parte de Fisterra cara a San Martiño de Duio, e avanza entre pequenas aldeas con singulares mostras de arquitectura rural e relixiosa de estilo románico.

Culminamos a etapa ata Muxía sempre acompañados polo mar e por praias impoñentes, co santuario da Virxe da Barca como meta.

Fisterra- Castrexe

  • Lonxitude 8,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 10min

A saída da vila de Fisterra pode volverse confusa para os camiñantes pola cantidade de frechas amarelas que sinalan en sentidos opostos para os que van a Muxía e os que chegan de alí, e por iso deben recorrer frecuentemente a outro tipo de indicacións.

Debemos alcanzar a praia da Langosteira e, na Cruz de Baixar, coller dirección á parroquia de San Martiño de Duio, templo que quizais remita á desaparecida cidade romana Dugium, citada no Libro III do Códice Calixtino.

O Camiño avanza, co mar omnipresente, entre aldeas, bosques e cultivos de millo. Pasamos polas inmediacións da praia do Rostro, que aparece entre piñeirais.

Castrexe- Lires

  • Lonxitude 4,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 15min

A ruta segue por pequenas e tranquilas estradas ata chegar ao areal da praia do Rostro, percorre o paseo desta e ascende ata o núcleo rural de Padrís, para logo entrar no bosque en dirección a Lires, a fin da etapa.

A ría de Lires conta cunha importante riqueza ornitolóxica e notables mostras de arquitectura popular e relixiosa, como as igrexas de orixe románica de Santa Locacia de Frixe e Santa María de Morquintián.

Castrexe (Praia do Rostro) - Lires

Lires- Facho de Lourido

  • Lonxitude 11,7 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 55min

Cruzamos o río Castro á saída de Lires e entramos no termo municipal de Muxía. Alcanzamos Vaosilveiro, Frixe e Morquintián, con tramos de asfalto entre outros de camiños rurais.

Un último esforzo antes de chegar a Muxía represéntao o ascenso ao alto das Aferroas (289 m) e o monte Facho de Lourido.

Lires - Facho de Lourido

Facho de Lourido- Muxía

  • Lonxitude 2,9 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 45min

Tras eles chegamos á aldea de Xurarantes e bordeamos a praia de Lourido. Estamos xa nas inmediacións da vila mariñeira de Muxía.

Entramos nela polas rúas Campo das Pinas, Os Malatos e Enfesto. O noso obxectivo será a visita ao santuario da Virxe da Barca.

Facho de Lourido - Muxía

Muxía- Santuario da Virxe da Barca

  • Lonxitude 0,7 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 10min

Ímonos achegando, primeiro descendendo pola Rúa de Manuel Lastres e pola Rúa Real. Logo pasamos ante a Oficina de Turismo, onde podemos coller a Muxiá, unha credencial de final de Camiño. Tamén Fisterra ten a súa propia Fisterrá, que aquí se pode selar no albergue municipal.

Bordeamos o monte Corpiño polo Camiño da Pel, topónimo que alude a unha desaparecida fonte na que os peregrinos se aseaban ao final da ruta, un símbolo de purificación e respecto antes de chegar ao santuario da Virxe da Barca, igrexa barroca de comezos do século XVIII. Na parte baixa do monte atópase a igrexa de Santa María de Muxía, construída en estilo gótico-mariñeiro na segunda metade do século XIV.

No santuario da Barca culmínase esta etapa.

Muxía - Santuario da Virxe da Barca