Camiño do Norte

Etapa: Baamonde-Sobrado

  • Lonxitude 40,3 Km
  • Dificultade Media-Baixa
  • Duración estimada 7h 25min

Preparémonos para unha etapa especialmente longa, de 40 km. Sáennos ao paso fortalezas como a poderosa San Paio de Narla, e pequenas e xenuínas aldeas, ata culminar no espectacular mosteiro de Sobrado dos Monxes.

Ademais da ruta que se describe deseguido, desde Baamonde pódese tomar tamén un camiño complementario, máis curto (uns 8 km menos) e cara ao norte, que nos levará en liña recta ata Sobrado. Máis adiante, en Boimil, conflúe co primeiro itinerario, pero volve logo a separarse del, sen pasar por Arzúa. Atravesa Santiso e, nas inmediacións do aeroporto de Santiago, coincide xa co Camiño Francés ata Santiago.

Baamonde- Digañe

  • Lonxitude 7,7 Km
  • Dificultade Media-Baixa
  • Duración estimada 1h 25min

Saímos de Baamonde e camiñamos capela de Santo Alberte. Aquí celébrase, cada mes de maio, unha concorrida romaría. San Breixo e Santa Locaia de Parga despiden o municipio de Guitiriz. Avanzamos ata o lugar de Digañe.

Digañe- Miraz

  • Lonxitude 7,2 Km
  • Dificultade Media-Baixa
  • Duración estimada 1h 20min

Continuamos por San Paio de Seixón, xa no municipio de Friol (seguimos na provincia de Lugo), logo por Ponte Leixosa e chegamos a Santiago de Miraz. Lixeiramente desviada do Camiño, pero nesta mesma parroquia, levántase a poderosa fortaleza de San Paio de Narla, que hoxe alberga a Sección de Etnografía do Museo Provincial de Lugo.