Camiño do Norte

Etapa: Vilalba-Baamonde

  • Lonxitude 19,1 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 4h 50min

Paisaxes poboadas de xenuínas mostras de arquitectura tradicional acompañarannos na nosa ruta polos núcleos da Seara, Sabugueiros, Gabín, O Castro ou Regovide.

Vilalba- Ponte de Sa

  • Lonxitude 10,3 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 35min

Desde Vilalba, o Camiño continúa seguindo trazados posiblemente medievais e sendas reais, documentados xa no século XVII. Atravesamos unha pequena ponte sobre o río Labrada e alcanzamos o lugar de Penas Corveiras. Paisaxes poboadas de xenuínas mostras de arquitectura tradicional acompañarannos na nosa ruta polos núcleos da Seara, Sabugueiros, Gabín, O Castro ou Regovide.

A un 6,7 km do inicio estaremos en San Xoán de Alba. Camiñamos pola marxe dereita da estrada comarcal C-634. Pasamos por Ponte Pedrouzos, Costián, O Coutado e Goiriz, desde onde descendemos en dirección ao río Labrada. Atravesamos a canle pola magnífica ponte medieval de Sa, construída en grosas lastras de lousa e de varios ollos ou arcos en diminución.

 

 

Ponte de Sa- Baamonde

  • Lonxitude 8,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 15min

O Camiño percorre unha franxa de terreo comprendida entre o río Ladra e a autovía A-8. Pasa por As Casas Novas, Contariz, Casamuíño, A Castiñeira e a capela do Carme. O río Ladra ofrece paisaxes cativadoras e recantos onde, nos meses benignos, poder refrescarse á sombra dos bidueiros. Tras pasar por lugares como A Estrada, chegamos a Ferreira.

Continuamos paralelos á estrada C-634 e entramos en Baamonde, localidade do concello de Begonte. Alí pódese ver a igrexa de Santiago de Baamonde, con trazos do romándico e mais do gótico do século XIV. No seu atrio álzase un calvario formado por tres cruceiros e un antiquísimo castiñeiro, en cuxo tronco se tallou unha capela dedicada á Virxe, obra do escultor local Víctor Corral.