Paisaxe do río Ulla
Área de Santiago
Moi preto da cidade, os municipios que a rodean ofrécennos rutas e atractivos suficientes para demorarnos na nosa visita. Damos paso a unha selección de monumentos, propostas de escapada natural e gastronómicas dalgúns destes lugares na contorna de Santiago.

A área de influencia de Santiago, que abarca, co río Ulla por medio, unha vintena de municipios do sur da provincia da Coruña e do norte da de Pontevedra, ábrese ante nós con indubidables atractivos.
Un verdadeiro monumento é o Pico Sacro (Boqueixón). Un dos montes máis míticos de Galicia. A súa peculiar silueta elévase ben visible a 533 metros de altitude ao sueste da cidade.
A riqueza monumental de vilas históricas coma Padrón ou Melide, directamente vinculadas aos camiños de Santiago, o Pazo de Oca (A Estrada), cos seus impresionantes xardíns, ou o Pazo de Santa Cruz de Ribadulla (Vedra), onde destacan as súas camelias e as súas oliveiras centenarias, son algúns deles.
Un verdadeiro monumento é o Pico Sacro (Boqueixón). Un dos montes máis míticos de Galicia. A súa peculiar silueta elévase ben visible a 533 m de altitude ao sueste da cidade.
Desde o punto de vista natural, a área de Compostela regálanos varias fervenzas que se debuxan nos cursos fluviais próximos. Como a fervenza do Toxa (Silleda) ou a de Insua (Val do Dubra). Bosques únicos como a Fraga de Catasós (Lalín), con castiñeiros de máis de trinta metros de altura. Serras como a do Candán (na comarca do Deza), coa orografía de vellas montañas e grandes espazos abertos. Ou lugares máis recollidos, como a carballeira de Santa Minia (Brión) ou o Xardín Botánico (Padrón), entre outros de interese.
Canto á gastronomía da área de Compostela cómpre salientar os pementos de Padrón ou Herbón, os salmóns, troitas ou lampreas de tempada, e o cocido galego, que exalta a vila de Lalín cunha festa anual na semana anterior ao Entroido. Trátase dunha comarca moi gandeira, coa tenreira galega como emblema, e o galo (Vila de Cruces e O Pino celebran festas na súa honra). Destacar tamén os queixos cremosos da Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa. Os doces tradicionais como os melindres de Melide, as filloas da Baña (á pedra) ou de Boqueixón, os amendoados ou rosquillas, e as augardentes do Ulla.
Finalmente, as novas comunicacións coa comarca do Barbanza e coa ría de Muros e Noia permítennos gozar tamén de praias (fluviais ou atlánticas) a menos de 30 minutos en coche. Lugares como a praia fluvial de Tapia, ou os próximos areais de Boa (Noia), Broña (serra de Outes) ou Esteiro (Muros), son algúns exemplos.
- Turismo gastronómico moi preto de Santiago PDF / 4642 KB
- Guía turística de Padrón PDF / 4288 KB
- Guía de pesca fluvial da área de Santiago PDF / 2230 KB
- Mapa do grupo de municipios que integran “Área de Santiago” PDF / 5692 KB
- Silleda, capricho da natureza PDF / 8565 KB