Nunca debe iniciarse o Camiño con calzado por estrear
Recomendacións e guía para manter o estado físico e a saúde
Coidados básicos dos pés
A limpeza da pel e o uso dunha crema antifatiga son fundamentais. Os calcetíns han de ser, preferentemente, de algodón e sen costuras.

O peregrino camiñante ha de prestarlles especial atención e coidado aos pés. É fundamental manter unha hixiene correcta e, se non se pode tomar unha ducha diaria, haberá que lavar os pés con auga ou, en caso de non ter acceso a ela, fregalos suavemente con toalliñas de limpeza da pel e cunha crema antifatiga que os refresque. Debe manterse unha actitude preventiva no coidado dos pés. Así, aplicarase vaselina diariamente antes de iniciar a marcha, o que evitará que aparezan bochas. As zonas máis sensibles e proclives a sufriren danos son a planta do pé, os talóns e os espazos interdixitais, polo que a adecuación do calzado á actividade que se vaia desenvolver é fundamental. E neste sentido hai que ter presente que nunca debe iniciarse o Camiño con calzado por estrear e, ademais, ha de ir convenientemente axustado ao noso pé.
Debe manterse unha actitude preventiva no coidado dos pés. Aplicaremos vaselina diariamente antes de iniciar a marcha para evitar a aparición de bochas. As zonas máis sensibles e proclives a sufriren danos son a planta do pé, os talóns e os espazos interdixitais
Para evitar rozaduras debe prestárselles atención tamén aos calcetíns, que preferiblemente serán de algodón e sen costuras. No caso de utilizarmos botas, ademais dos de algodón poderase poñer outro par de la. É moi importante manter estas pezas limpas e lavalas frecuentemente na medida en que se poida.
As características da etapa ou do estado do tempo poden facer necesario refrescar os pés con máis frecuencia, e por iso convén aproveitar as pequenas paradas ou descansos e buscar fontes ou regatos nos que lavalos. Pero se é importante refrescalos, tanto ou máis será secalos de maneira concienciuda, preferiblemente ao aire, xa que o exceso de humidade pode xerar a aparición de micose, unha colonización por fungos coñecida popularmente como pé de atleta.
Para tratar os pés danados con bochas é fundamental non eliminar nunca a pel, xa que esta servirá de protección e axudará a curar e a rexenerar a zona magoada. Convén ir equipado con agullas hipodérmicas, coas que se picarán as bochas por un ou dous puntos para favorecer a drenaxe total. Unha vez baleira, colocarase un apósito de xelatina adecuado en tamaño ao da bocha e, sobre este, un apósito. Estas curas han de retirarse sempre antes de lavar os pés e, unha vez secos convenientemente, hai que aplicar un novo apósito. A cura repetirase tamén ao día seguinte, antes de retomar a marcha. Se se volve formar a bocha, picarase novamente para extraer o líquido.
Se aparecesen gretas entre os dedos dos pés, que ás veces poden producir proído e dor, estariamos ante a anteriormente citada micose. Para tratala é fundamental unha correcta hixiene e un secado minucioso, pero ademais consultarase co médico ou co farmacéutico, que recomendarán o emprego dun fármaco antimicótico, en atomizador ou spray. Para este caso non se recomenda o uso de pomadas ou cremas por conta propia, porque poderían humedecer máis a zona e favorecer a proliferación dos fungos, o que agravaría substancialmente o problema. A operación ha de repetirse tras cada lavado, antes de iniciar a xornada e ao finalizala.
O calzado e a importancia dos calcetíns
O calzado debe ser cómodo e ha de estar adaptado xa ao noso pé.
O calzado debe ser cómodo e ha de estar adaptado xa ao noso pé. Un calzado novo e recio acabaría por magoarnos nada máis comezar a camiñada. É preferible usar botas de "trekking" ou de montaña, aínda que dependendo das condicións climatolóxicas pode usarse outro tipo de calzado que sexa específico para camiñar.
Os calcetíns de algodón sen costuras son perfectos para as zapatillas deportivas. Tamén se poden usar con botas, sempre que empreguemos outros de la por encima. Estas pezas deben manterse o máis limpas posible.
Tamén se poden empregar zapatillas deportivas, pero é conveniente un calzado que suxeite máis o pé para evitar lesións no nocello. E por isto son recomendables as botas, porque suxeitan mellor o nocello, aínda que a suxeición non debe facer presión. Ademais, optarase por modelos que teñan rebaixada a cana pola parte posterior e, no que atinxe ás solas, han de ser duras e sen amortecemento no talón.
Con zapatillas deportivas empregaranse calcetíns de algodón sen costuras, que poderemos usar tamén se levamos botas, isto sempre que poñamos outros de la por encima. Deben manterse limpos, polo que aproveitaremos as paradas nos albergues para lavalos, secalos convenientemente e mudalos.
O peso da mochila
A mochila debe ser cómoda, facilmente adaptable e lixeira.
A mochila debe ser cómoda, facilmente adaptable e lixeira. Existen no mercado mochilas anatómicas, dotadas de correas para iren suxeitas á cintura ou ás cadeiras, e ao peito. Adoitan ter petos laterais e superiores que facilitan o almacenamento e a accesibilidade a elementos de uso frecuente.
Unha mochila correctamente cargada para este tipo de actividade non debe exceder os 10 kg de peso.
Unha mochila correctamente cargada para este tipo de actividade non debe exceder os 10 kg de peso. Cando se adquira a mochila, debemos observar así mesmo que conte con sistemas de protección nas correas que impidan as rozaduras na pel. Hai que ter en conta que permaneceremos moito tempo con ela ao lombo e en movemento continuo.
Caixa de primeiros auxilios do peregrino
A nosa pequena caixa de primeiros auxilios deberá conter o indispensable para o coidado dos pés e a protección da pel.

Para o tratamento e a cura dos pés danados haberá que levar unha pequena caixa de primeiros auxilios co indispensable: agullas hipodérmicas, apósitos de xelatina, apósitos, vendas e bandas elásticas adhesivas e unhas tesoiras pequenas. Durante as etapas do Camiño estaremos expostos a todo tipo de condicións meteorolóxicas. Por tanto, non debemos esquecer a protección da pel na cara e nos brazos ou nas zonas do corpo que estean en contacto directo co aire e co sol. É imprescindible unha adecuada protección solar e tamén o uso complementario de cremas hidratantes.
Para o tratamento e a cura dos pés danados haberá que levar unha pequena caixa de primeiros auxilios co indispensable: agullas hipodérmicas, apósitos de xelatina, apósitos, vendas e bandas elásticas adhesivas
Como complemento á nosa caixa de primeiros auxilios e, se o espazo o permite, podemos engadir unha crema antiinflamatoria, aspirina ou paracetamol, e algún antiácido para o estómago, por se algunha comida nos senta mal.
Convén lembrar que o coidado dos pés e do calzado é fundamental para evitarmos lesións. Optarase preferiblemente por botas de trekking ou de montaña, das que existen tamén modelos adaptados ao verán, en caso de realizar o Camiño en tempada estival. O calzado debe adaptarse ben ao pé, suxeitar sen presión e con certa flexibilidade, e ser lixeiro, impermeable e transpirable. En canto á sola, convén que sexa dura e apta para camiñar por terreos irregulares.
Do mesmo xeito có calzado, os calcetíns deben evitar lesións, polo que se empregarán os de algodón sen costuras. Para descansar nos momentos de parada, poden empregarse zapatillas ou sandalias lixeiras que axuden a airear, refrescar e relaxar os pés, sobre todo se están magoados.
Recomendacións sobre a alimentación
As comidas deben ser pouco copiosas e adecuadas ao exercicio que se vaia facer.

As comidas deben ser pouco copiosas e adecuadas ao exercicio que se vaia facer. O almorzo é fundamental, xa que se trata da inxestión previa ao inicio da marcha. Deben tomarse alimentos que proporcionen enerxía, pero que non carguen o estómago, xa que isto dificultaría despois o camiñar. Tomaranse preferiblemente alimentos que acheguen hidratos de carbono, como pasta, cereais, froitos secos, etc. A cea farémola cedo para evitar que o sono nos chegue en plena dixestión e, de ser posible, optaremos por pratos quentes e por alimentos variados.
Os alimentos que supoñan importantes achegas de hidratos de carbono son prioritarios. Tamén é fundamental unha boa hidratación. Debemos tomar líquidos, arredor de dous litros de auga ao día, antes, durante e despois de cada camiñada
Ademais da correcta inxestión de alimentos é fundamental unha boa hidratación. Debemos tomar líquidos, arredor de dous litros de auga ao día, antes, durante e despois de cada camiñada. Estes dous litros distribuiranse equilibradamente; así, dúas horas antes de iniciar cada etapa é recomendable tomar tres vasos de auga, un cuarto de hora antes tomaranse outros dous vasos e, durante a camiñada, hai que intentar beber aproximadamente un vaso cada corenta minutos.
Non se debe esperar a estar sedento para tomar auga e convén ter presente que unha boa hidratación prevén problemas musculares, como a aparición de dolorosas cambras. Nunca ha de pasarse a barreira dos 15 km sen tomar auga. Por iso, iremos sempre acompañados dunha botella de auga ou de bebidas isotónicas que axuden a repoñer os sales minerais. Deste xeito, achegándolle ao noso corpo puntualmente pequenas achegas enerxéticas, como poden ser glícidos de rápida absorción, combateremos a fatiga.
Outra cuestión importante é extremar o coidado se bebemos auga non embotellada nas paradas que realicemos. Debemos evitar a inxestión de auga procedente de arroios, mananciais ou fontes das que non se teña total certeza da súa potabilidade.
Como recuperarse fisicamente entre etapas
Os descansos non deben prolongarse en exceso.
Durante as paradas puntuais que se fagan ao longo da camiñada aproveitarase para beber e comer algo en cantidades pequenas, pero suficientes, para repoñer forzas. Para aliviar o cansazo e a tensión das extremidades inferiores, sobre todo dos pés, poderemos afrouxar lixeiramente o calzado e repousar cos pés no alto.
Durante as paradas puntuais que se fagan ao longo da camiñada aproveitarase para beber e comer algo en cantidades pequenas, pero suficientes, para repoñer forzas
Se facemos o Camiño no verán, será preciso buscar lugares resgardados do pleno sol para descansar. Hai que ter en conta que estes descansos non deben prolongarse en exceso. Se imos andando, recoméndanse 5 ou 10 minutos de parada como máximo. Se imos en bicicleta, os descansos serán pouco frecuentes, de curta duración, e como precaución básica han de facerse sempre fóra da estrada e da beiravía.
Se configuramos a nosa etapa en dúas sesións, entre unha e outra farase unha parada máis extensa en duración, que se dedicará a comer e a recuperar as forzas.