Camiño de Fisterra e Muxía

Etapa: Olveiroa - Muxía

  • Lonxitude 32,7 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 8h 15min
  • Escoita o percorrido da etapa

Se se parte de Olveiroa é posible seguir ruta directamente a Muxía, tomando a bifurcación en Hospital. Esta variante diríxese a Dumbría, capital municipal, segue cara a San Martiño de Ozón e descende logo cara ao núcleo de Muxía, onde se atopa o albergue de peregrinos.

Olveiroa- Hospital

  • Lonxitude 5 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 15min

Saímos de Olveiroa. O río Xallas flúe impresionante, abrigado entre a vexetación. Cruzamos o río Hospital, entramos no Logoso e logo na aldea de Hospital, un lugar que contou cun modesto hospital para peregrinos, hoxe desaparecido. Pouco despois aparece a rotonda que bifurca os camiños a Muxía e Fisterra.

Hospital- Dumbría

  • Lonxitude 5,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 25min

Cruzamos polo Rego de Vao Salgueiro. Alternan asfalto e camiños rurais. Descendemos ata As Carizas, Rego de Cheo e subimos logo a Dumbría. Recíbenos a súa praza con hórreo, cruceiro e igrexa.

Dumbría- Senande

  • Lonxitude 5,5 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 25min

Atravesamos o núcleo e chegamos á aldea de Trasufre, dentro xa do concello de Muxía. A través do antigo Camiño Real, alcanzamos Senande.

Senande- San Martiño

  • Lonxitude 6,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 40min

Logo chegamos a Vilastose, Quintáns e Pedregás. Valiosas mostras de arquitectura popular e relixiosa embelecen o camiño, como o conxunto de San Martiño de Ozón.

San Martiño de Ozón- Santuario da Virxe da Barca

  • Lonxitude 9,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 2h 30min

Subimos ata Vilar de Sobremonte e despois descendemos a Merexo. Camariñas divísase, tras o río Grande, alén da ría. Achegámonos aos Muíños e cruzamos o río Negro. A igrexa románica de San Xulián de Moraime, xa inmediata ao mar, transmítenos a súa paz e beleza. Despois das Casas Novas, o monte de San Roque, Chorente, praia de Espiñeirido e, finalmente, Muxía. O santuario da Virxe da Barca, erguido nun lugar impresionante fronte ao mar, marca o final.

San Martiño de Ozón - Santuario da Virxe da Barca