Etapa Corcubión - Fisterra
Camiño de Fisterra e Muxía
Etapa: Corcubión - Fisterra
Etapa curta, de 14 km, pero de dificultade alta, que culmina no mítico e simbólico faro de Fisterra. O océano ábrese ante nós como unha enorme panorámica fotográfica.
Corcubión- Sardiñeiro
Desde Campo do Rollo, en Corcubión, emprendemos un forte ascenso que nos conduce ao Campo de San Roque e á aldea do Vilar. Pasamos os núcleos da Amarela e logo Estorde. En Sardiñeiro transitamos por tramos que foron Camiño Real.
Corcubión - Sardiñeiro
Sardiñeiro- A Langosteira
Atravesamos unha comarca que ten un dos litorais de maior beleza da Península Ibérica, con grandes e tranquilos areais que amortecen a fronte rochosa e un mar bravo que deixou centos de historias, e tamén lendas de naufraxios e rescates.
Rodeamos a cala do Talón, logo chegamos a Calcova e alcanzamos a extensa e bela praia da Langosteira. Ao fondo emerxe, como unha illa, a vila de Fisterra. O trazado do Camiño discorre entre as dunas do areal, pero moitos peregrinos deciden completar este tramo a pé de praia.
Sardiñeiro - A Langosteira
A Langosteira- Fisterra
Entramos en Fisterra polo barrio de San Roque, pasamos ante o cruceiro ou Cruz de Baixar, a Rúa Santa Catarina e a Rúa Real.
A Langosteira - Faro de Fisterra
Fisterra- Faro Fisterra
Desde Fisterra, seguindo a estrada de ascenso ao faro, pasaremos ante a igrexa de Santa María das Areas, que custodia o Santo Cristo de Fisterra.
Chegamos á punta do mítico faro, km 0 do Camiño de Santiago. O océano ábrese ante nós coma un grande angular fotográfico, e todas as sensacións xúntanse ante este cabo da fin do mundo.