Camiño de Fisterra e Muxía

Etapa: Negreira - Olveiroa

  • Lonxitude 34,3 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 7h 45min
  • Escoita o percorrido da etapa

Varios tramos desta etapa coinciden co antigo Camiño Real a Fisterra. A comarca do Xallas regálanos a beleza das súas paisaxes e a xenuína arquitectura popular.

Negreira- Zas

  • Lonxitude 3,4 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 40min

Saímos de Negreira cruzando o río Barcala. Ascendemos ata Negreiroa, pequena aldea que foi o núcleo orixinal de Negreira. Varios tramos coinciden co antigo Camiño Real a Fisterra. Próbao a toponimia ao pasar á beira do Camiño Real ou Portocamiño.

Zas- O Cornado

  • Lonxitude 11,8 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 2h 20min

Cornovo e O Rego de Forxán son os seguintes puntos. O lugar do Cornado é a última poboación do municipio de Negreira, que dá paso ao concello de Mazaricos, xa na comarca do Xallas.

O Cornado- Santa Mariña

  • Lonxitude 6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 30min

A vexetación autóctona e a beleza das paisaxes presiden estes primeiros quilómetros —toxos e milleirais, piñeiros e eucaliptos…—, xunto cunha xenuína arquitectura popular: hórreos coma o das Maroñas, ou igrexas románicas coma a de Santa Mariña.

O Cornado - Santa Mariña

Santa Mariña- Lago

  • Lonxitude 6,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 40min

O monte Aro (556 m) é un dos puntos de maior interese paisaxístico. Desde aquí contémplase parte da comarca da Terra do Xallas. Este territorio é coñecido pola súa artesanía de cestería e tamén polos seus orixinais chapeus femininos de palla.

Tras Aro alcanzamos Campo Valado, Porteliñas e As Abeleiroas.

Lago- Olveiroa

  • Lonxitude 6,4 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 35min

Alcanzamos o miradoiro de Corzón. Ao pasar o núcleo de Mollón, chegamos á ponte do río Xallas, que divide os municipios de Mazaricos e Dumbría. Alcanzamos A Ponte Olveira e logo o centro de Olveiroa, o final da etapa.