Etapa Fisterra - Muxía
Camiño de Fisterra e Muxía
Etapa: Fisterra - Muxía
O Camiño parte de Fisterra cara a San Martiño de Duio, e avanza entre pequenas aldeas con singulares mostras de arquitectura rural e relixiosa de estilo románico.
Culminamos a etapa ata Muxía sempre acompañados polo mar e por praias impoñentes, co santuario da Virxe da Barca como meta.
Fisterra- Castrexe
A saída da vila de Fisterra pode volverse confusa para os camiñantes pola cantidade de frechas amarelas que sinalan en sentidos opostos para os que van a Muxía e os que chegan de alí, e por iso deben recorrer frecuentemente a outro tipo de indicacións.
Debemos alcanzar a praia da Langosteira e, na Cruz de Baixar, coller dirección á parroquia de San Martiño de Duio, templo que quizais remita á desaparecida cidade romana Dugium, citada no Libro III do Códice Calixtino.
O Camiño avanza, co mar omnipresente, entre aldeas, bosques e cultivos de millo. Pasamos polas inmediacións da praia do Rostro, que aparece entre piñeirais.
Fisterra - Castrexe
Castrexe- Lires
A ruta segue por pequenas e tranquilas estradas ata chegar ao areal da praia do Rostro, percorre o paseo desta e ascende ata o núcleo rural de Padrís, para logo entrar no bosque en dirección a Lires, a fin da etapa.
A ría de Lires conta cunha importante riqueza ornitolóxica e notables mostras de arquitectura popular e relixiosa, como as igrexas de orixe románica de Santa Locacia de Frixe e Santa María de Morquintián.
Castrexe (Praia do Rostro) - Lires
Lires- Facho de Lourido
Cruzamos o río Castro á saída de Lires e entramos no termo municipal de Muxía. Alcanzamos Vaosilveiro, Frixe e Morquintián, con tramos de asfalto entre outros de camiños rurais.
Un último esforzo antes de chegar a Muxía represéntao o ascenso ao alto das Aferroas (289 m) e o monte Facho de Lourido.
Lires - Facho de Lourido
Facho de Lourido- Muxía
Tras eles chegamos á aldea de Xurarantes e bordeamos a praia de Lourido. Estamos xa nas inmediacións da vila mariñeira de Muxía.
Entramos nela polas rúas Campo das Pinas, Os Malatos e Enfesto. O noso obxectivo será a visita ao santuario da Virxe da Barca.
Facho de Lourido - Muxía
Muxía- Santuario da Virxe da Barca
Ímonos achegando, primeiro descendendo pola Rúa de Manuel Lastres e pola Rúa Real. Logo pasamos ante a Oficina de Turismo, onde podemos coller a Muxiá, unha credencial de final de Camiño. Tamén Fisterra ten a súa propia Fisterrá, que aquí se pode selar no albergue municipal.
Bordeamos o monte Corpiño polo Camiño da Pel, topónimo que alude a unha desaparecida fonte na que os peregrinos se aseaban ao final da ruta, un símbolo de purificación e respecto antes de chegar ao santuario da Virxe da Barca, igrexa barroca de comezos do século XVIII. Na parte baixa do monte atópase a igrexa de Santa María de Muxía, construída en estilo gótico-mariñeiro na segunda metade do século XIV.
No santuario da Barca culmínase esta etapa.