É importante dosificar o esforzo e seguir o noso propio ritmo
Estado físico recomendado
Requirimentos básicos para facer o Camiño
O adestramento previo e a planificación personalizada das etapas son pezas fundamentais da preparación.
Para realizar o Camiño de Santiago é aconsellable prepararse previamente mediante exercicios de ximnasia que axuden a tonificar os músculos e a lles dar elasticidade, sobre todo aos das pernas, aos das costas e aos do pescozo. O adestramento, que debe iniciarse uns meses antes de comezar a peregrinación, pode consistir en realizar camiñadas que irán aumentando gradualmente en tempo e dificultade.
A planificación por etapas debe adaptarse ás capacidades físicas de cada un. Nas etapas que se marquen non deben propoñerse obxectivos ríxidos e inamovibles.
En caso de ter unha idade avanzada ou de sufrir algunha patoloxía, recoméndase un recoñecemento médico previo para determinar a idoneidade do plan, o grao de esforzo aconsellado e as cuestións que convén evitar.
É necesario elaborar unha planificación por etapas que se adapte ás capacidades físicas de cada un. Nas etapas que se marquen non deben propoñerse obxectivos ríxidos e inamovibles que obriguen a realizar esforzos sobrehumanos, xa que poderían dar como resultado lesións ou unha fatiga excesiva e, polo tanto, frustrar a experiencia do Camiño. É importantísimo dosificar o esforzo e seguir o noso propio ritmo, sobre todo se a peregrinación é longa e dura moitos días, e tamén cómpre ter en conta as distancias entre as paradas e os albergues.
Unha axuda esencial para a planificación será levar á man unha guía do Camiño.
Na planificación previa que se elabore será interesante ter en conta a previsión climatolóxica dos lugares polos que se vai pasar; deste xeito, poderá adaptarse a vestimenta á calor, ao frío ou á humidade. Este último factor é moi importante, xa que pode afectar a aquelas persoas que padezan doenzas crónicas de tipo músculo esquelético.
Outra medida previa recomendable é preparar a musculatura para este esforzo; neste sentido, unha visita ao fisioterapeuta para descargar os músculos axudará a comezar o Camiño en condicións óptimas.
Que esforzo che requirirá faceres o Camiño a pé
Os exercicios de estirada e quecemento han de ser constantes mentres se está a facer o Camiño.
O adestramento previo e diario mediante camiñadas cada vez máis longas debe ir acompañado da realización de exercicios de estirada e quecemento, que han de ser constantes mentres se está facendo o Camiño. Antes de comezar cada etapa, faranse exercicios de estirada. E hai que ter especial coidado cos xemelgos e cos músculos da cara anterior e posterior da coxa; é dicir, os cuadríceps e os isquiotibiais, respectivamente.
Unha vez alcanzado o nivel de esforzo acorde coa nosa capacidade, a marcha debe manterse regular e continua
O comezo da marcha debe ser sempre suave e rítmico, e só unha vez que o corpo queza poderemos aumentar a intensidade de maneira gradual. Unha vez alcanzado o nivel de esforzo acorde coa nosa capacidade, a marcha debe manterse regular e continua.
É moi importante que o xeito de camiñar resulte cómodo e que o paso non requira un esforzo excesivo que impida realizar outras actividades, como pode ser manter unha conversación. Alén disto, o paso debe adaptarse ao terreo.
Que esforzo che requirirá faceres o Camiño en bicicleta
Será necesario dedicarlle dous meses ao adestramento.
Unha planificación adecuada da realización do Camiño en bicicleta de montaña pode roldar entre os 60 e os 100 km por etapa. Para as persoas que non estean afeitas a faceren percorridos en bicicleta, e en función da distancia proposta para cada etapa, será necesario un adestramento previo durante arredor de dous meses.
Unha planificación adecuada para facer o Camiño en bicicleta de montaña pode roldar os 60 ou 100 km por etapa.
Nesta práctica aconséllase ir acompañadp, ter especial coidado co tráfico e gardar sempre as normas de circulación, como circular en fila e co equipamento de seguridade necesario que prescribe a normativa. Ademais, debemos ter presente que son 200 km os que han de percorrerse en bicicleta para poder solicitar a Compostela na Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela.
Na nosa previsión da extensión das etapas é importante estudar os perfís de cada unha delas e tamén as condicións físicas de cada participante. Esta opción ten vantaxes, como poder coñecer lugares de interese próximos á ruta ou facer paradas singulares sen présa.
A pé fanse de media 4 ou 5 km por hora e en bicicleta uns 12 ou 13 km; é dicir, en 5 horas percórrense arredor de 60 km.
O período idóneo para iniciar o Camiño en bicicleta é a primeira quincena de setembro, unha vez pasados os rigores estivais e cando os días aínda son longos.
A peregrinación a cabalo
Require unha planificación e un desenvolvemento especiais. Para obter a Compostela é necesario percorrer unha distancia de 100 quilómetros.
A peregrinación a cabalo, para ser acreditada coa Compostela, esixe percorrer a mesma distancia que camiñando (é dicir, 100 km), aínda que para aloxarse nos albergues de titularidade pública sempre terán preferencia os camiñantes sobre os xinetes ou os ciclistas. A peregrinación a cabalo require obviamente unha especial planificación e desenvolvemento, polo que recomendamos recorrer a asociacións ou a centros especializados para levala a cabo.
Teléfonos de contacto para cabalerizas do monte do gozo
900 801 297
608 800 806
Os peregrinos que teñan previsto entrar na cidade de Santiago con cabalos deben avisar a Policía Local da súa chegada, e isto con varios días de antelación. A Policía indicaralles o percorrido obrigatorio e o horario estipulado e, ademais, outorgaralles un permiso de entrada ata a Praza do Obradoiro que os autorizará para que poidan permanecer ante a Catedral durante un período breve de tempo. Inmediatamente despois, as monturas deben conducirse aos picadeiros ou aos aloxamentos que o peregrino concertase.