O Camiño por Pedrouzo, nas inmediacións de Santiago
Como facer o Camiño
Información sobre as distintas posibilidades
O noso Camiño debe comezar pola elaboración dun calendario cos días dispoñibles e coas nosas posibilidades persoais.

O noso Camiño a Santiago ha de comezar coa elaboración dun calendario que recolla os días dispoñibles —é dicir, o número de etapas— que programemos en función da ruta elixida e das nosas posibilidades persoais.
Sempre é recomendable unha visita previa a unha asociación de amigos do Camiño de Santiago, onde recibiremos a máis completa e desinteresada información, así como a credencial que iremos selando diariamente ao longo da nosa ruta
Este portal proporcionaranos toda a información necesaria, aínda que tamén existen moitas outras guías ás que podemos acudir para consultar e planificar a nosa ruta. Sempre é recomendable unha visita previa a unha asociación de amigos do Camiño de Santiago, onde recibiremos a máis completa e desinteresada información, así como a credencial que iremos selando diariamente ao longo da nosa ruta.
A credencial resulta indispensable como acreditación do peregrino para poder pasar a noite en calquera dos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia e para poder solicitar a Compostela ao chegarmos á meta da nosa peregrinación, se percorremos 100 km a pé ou a cabalo, ou 200 se é en bicicleta.
Os Camiños Francés, Inglés, Norte e Primitivo, así como todas as entradas a Santiago de Compostela, están delimitados oficialmente pola Xunta de Galicia. Pódese consultar a información en: Consellería de Cultura e Turismo.
O Camiño a pé
Antes de empezar o Camiño son primordiais unha preparación física axeitada e un bo equipamento.
Percorrer os moitos quilómetros que cruzan Galicia na nosa peregrinación esíxenos unha preparación física adecuada e un bo equipamento, estas han de ser as nosas primeiras consideracións.
Para obter a Compostela é necesario percorrer 100 quilómetros a pé ou a cabalo, ou ben 200 en bicicleta
Aos que decidan facelo a pé, e que adoiten levar unha vida sedentaria, aconsellámoslles que inicien unha preparación selectiva un par de meses antes de comezaren o Camiño. Por exemplo, poden practicar sendeirismo de maneira progresiva, preferiblemente co calzado que vaian utilizar na ruta.
Podemos comezar con camiñadas dunha hora e despois ir aumentando tempo e distancia, ata que poidamos superar un percorrido medio aproximado de 20 km (4-6 horas), que é o que pode comprender unha etapa entre albergue e albergue nunha xornada media da nosa peregrinación.
O obxectivo é adquirir fondo físico e mobilidade articular (protexerse das molestas tendinites), polo que resulta aconsellable e necesario un complemento de estiradas suaves antes e despois da camiñada. Ademais, unha vez iniciada a preparación, debemos buscar trazados que combinen planicies con subidas e baixadas de maior ou menor intensidade e por calquera terreo. Tamén é importante a hidratación durante o exercicio. Así mesmo, podémonos axudar dun bordón, ou dun ou dous bastóns, que en terreos inclinados poden reducir entre un 20 e un 30 % a sobrecarga nos xeonllos.
O Camiño en bicicleta

Nesta práctica aconséllase ir acompañado, ter especial coidado co tráfico e gardar sempre as normas de circulación, como circular en fila e co equipamento de seguridade necesario que prescribe a normativa. Ademais, debemos ter presente que son 200 km os que hai que percorrer en bicicleta para poder solicitar a Compostela (na Oficina do Peregrino de Santiago de Compostela).
Dous meses antes de iniciar o Camiño a pé cómpre practicar sendeirismo de xeito progresivo
Na nosa previsión da extensión das etapas, convén estudar os perfís de cada unha delas e tamén as condicións físicas de cada participante. Esta opción ten vantaxes, como poder coñecer lugares de interese próximos á ruta ou facer paradas singulares sen présa. A pé fanse de media 4 ou 5 km por hora, que para un ciclista poden ser 12 ou 13 km; é dicir, 60 km nunhas 5 horas.
O Camiño a cabalo

Para que a peregrinación a cabalo sexa acreditada coa Compostela, hai que percorrer a mesma distancia que camiñando —é dicir, 100 km—, aínda que sempre terán preferencia os que a fagan a pé sobre os xinetes ou os ciclistas para aloxarse nos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia. A peregrinación a cabalo require obviamente unha especial planificación. En 2019, houbo 406 peregrinos a cabalo.