Etapa Tui - O Porriño
Camiño Portugués
Etapa: Tui- O Porriño
Accédese a Galicia a través da ponte internacional, que une as localidades de Valença (Portugal) e Tui (España), cruzando o caudaloso río Miño.
Tui- Ponte das Febres
Entramos no centro histórico de Tui a través da avenida de Portugal e axiña chegamos ao Parador de Turismo. Un marco infórmanos de que quedan 115,4 km para chegar a Santiago. O encanto de Tui —unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia, declarada conxunto histórico artístico en 1967— respírase en cada unha das rúas, canellas e pasadizos do seu nobre centro histórico, un debuxo urbano medieval presidido polo románico e o gótico da súa catedral de Santa María. Ímonos achegando ao templo polas rúas Bispo Maceira e Baixada ao Arrabalde de Freanxo. O itinerario continúa pola Travesía do Hospital, Praza do Concello, convento das Clarisas e rúas Tide e Antero Rubín. Antes de abandonar a cidade, o Camiño pasa polas rúas Cóengo Valiño e Calzada, en dirección ao parque de San Bartolomeu, onde está a fermosa igrexa prerrománica do mesmo nome.
Tui - Ponte das Febres
Ponte das Febres- Gándaras de Budiño
A ruta avanza pola capela da Virxe do Camiño, por Paredes de Abaixo e pola emblemática ponte de San Telmo, chamada Ponte das Febres. Unha vez pasada esta, transitamos por un frondoso bosque coñecido como A Ribeira. Chegamos á aldea da Magdalena. Acompáñanos o río Louro, que divide os municipios de Tui e O Porriño. O seguinte núcleo é Orbenlle. Desde aquí podemos continuar polos Eidos ou polas Gándaras. De lonxe, enxérganse as canteiras de granito que fixeron famoso este lugar, o coñecido como granito rosa, que se exporta a países coma o Xapón ou os Estados Unidos.
Ponte das Febres - As Gándaras de Budiño
Gándaras de Budiño- O Porriño
Entramos no puxante municipio do Porriño pola rúa Manuel Rodríguez. Este concello, cuxa orixe está intimamente relacionada co Camiño de Santiago, é na actualidade unha importante vila industrial, das de maior crecemento demográfico da provincia de Pontevedra. A súa paisaxe urbana regálanos hoxe a obra do arquitecto Antonio Palacios, nacido aquí en 1874. Unha das súas grandes creacións é o Palacio Municipal, do ano 1924. Moi preto da ruta, álzanse o templete da Rede de San Luís, a fonte do Cristo —unha das súas primeiras obras, de 1907— ou a Farmacia Palacios (deseñada no ano 1912 para o seu irmán José).