Igrexa de Santa Baia, en Mos
Camiño Portugués
Etapa: O Porriño-Redondela
Encamiñámonos ao municipio de Redondela. Bosques de piñeiros e eucaliptos protagonizan estes quilómetros ata alcanzar a ría de Vigo.
O Porriño- Mos
Abandonamos O Porriño e axiña alcanzamos a capela das Angustias. Camiñamos pola beiravía da N 550, polo que debemos prestarlles especial atención aos vehículos (podemos tomar o ramal que nos desvía á dereita para evitar o tráfico). Intuímos, oculto, o paso do río Louro. Deixamos atrás o barrio de Amieiro Longo e chegamos ao núcleo da Rúa, que outrora foi capital municipal de Mos.
O Porriño - Mos
Mos- O Souto
Unha cruz de pedra coa inscrición “Camiño de Santiago” marca o inicio da rúa dos Cabaleiros, que nos leva ao coñecido cruceiro do mesmo nome. Polo lugar do Enxertado, co val ao leste, chegamos en lixeiro ascenso á capela de Santiaguiño de Anta, un sinxelo monumento rodeado dunha bonita carballeira.
Un miliario romano —fito indicador en millas romanas (1 milla= 1.480 metros), que formaba parte da Vía XIX que unía, como dixemos, Braga e Astorga— encamíñanos ao municipio de Redondela. Deseguido entramos en Vilar de Infesta. Bosques de piñeiros e eucaliptos protagonizan estes quilómetros. Chegamos ao lendario lugar de Chan das Pipas.
Mos - O Souto
O Souto- Redondela
Saxamonde, Quintela e O Muro lévannos ata Redondela. Entramos pola praza de Ponteareas e noutra fermosa praza, a de Ribadavia, atópase o albergue de peregrinos e o final deste tramo.