Camiño de Inverno

Etapa: Monforte de Lemos-Chantada

  • Lonxitude 30,7 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 7h 20min
  • Escoita o percorrido da etapa

Continuamos inmersos en plena comarca da Ribeira Sacra, entre mosteiros, viñedos e paisaxes cheas de forza e encanto. Chegamos á Vide e logo á Lagoa, Campos e Pacios. En época de choivas son frecuentes as inundacións ao principio desta etapa, con tramos completamente chairos.

Monforte de Lemos- Moreda

  • Lonxitude 7,5 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 1h 45min

Saímos de Monforte pola ponte medieval, o Campo de Santo Antonio e a antiga rúa Abeledos. Alternamos tramos de estrada (la LU-P-3204) con camiños. Chegamos á Vide e logo á Lagoa, Os Campos e Pacios. En época de chuvias son frecuentes as inundacións en parte destes tramos, completamente chans. Deseguido acadamos Moreda.

Monforte de Lemos - Moreda

Moreda- O Reguengo

  • Lonxitude 2,2 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 30min

Despois de Moreda, cuxo castro se eleva á dereita, entramos no municipio de Pantón. No Reguengo sorpréndenos o seu magnífico pazo e, en Castrotañe, as pedras do camiño, quizais procedentes dunha calzada romana.

O Reguengo- A Barxa

  • Lonxitude 5,1 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 1h 15min

En Piñeiro destaca a súa arquitectura popular de praza, fonte e lavadoiro e, en Castillón, atopamos máis restos romanos. Seguimos acubillados polas grandes sombras dos carballos e avanzamos polo Outeiriño, Virís, O Camiño Grande e A Barxa, xa en terras do Saviñao.

A Barxa- Belesar

  • Lonxitude 9,6 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 2h 20min

Cruzamos o núcleo de Rendal e logo, entre outras aldeas, descendemos ata Diomondi, onde impresiona o románico da súa igrexa. Baixamos ata a ponte de Belesar sobre o Miño, acompañados polos socalcos — os viñedos colgados en bancais —.

Entramos en Belesar, onde houbo un antigo hospital. Chegamos, despois dunha dura subida duns 3 km, a San Pedro de Líncora —xa no municipio de Chantada, tamén con hospital na Idade Media—, mentres camiñamos entre magníficas vistas do río.

Belesar- Chantada

  • Lonxitude 6,3 Km
  • Dificultade Alta
  • Duración estimada 1h 30min

Chegamos a Chantada polo barrio da Ponte e pola señorial rúa Dous de Maio.