Praza de Armas e Pazo Consistorial de Ferrol
Camiño Inglés
Etapa: Ferrol - Neda
Ao tomar Ferrol como punto de partida, o Camiño iníciase nos peiraos de Curuxeiras, onde se situaba o antigo porto medieval, cuxa orixe se remonta ao século XI. Esta primeira etapa ata Neda é curta, de apenas 14 quilómetros, e discorre case sempre paralela á ría.
Ferrol- Xubia
Deixamos Curuxeiras e pasamos polo paseo da Mariña ata a igrexa de San Francisco, situada entre o barrio vello e o barrio neoclásico da Madalena. Este último é todo un símbolo do novo urbanismo xurdido nos tempos da Ilustración; Ferrol chegou a ser no século XVIII a maior cidade de Galicia. O rei Fernando VI decidira instalar aquí a mediados dese século o Grande Arsenal do Norte de España, o que convertería este lugar na gran base naval da Europa do seu tempo. Había que aloxar a nova poboación de traballadores, polo que Ferrol pasou de ter 1.500 habitantes a máis de 25.000 a finais de século. Así xurdiu o barrio da Madalena, un rectángulo de seis rúas paralelas, cruzadas en ángulo recto por nove rúas transversais e, finalmente, dúas prazas cadradas que acollen as rúas centrais.
Baixo este Ferrol ilustrado facemos camiño e chegamos ao Hospital da Caridade, hoxe Centro Cultural Torrente Ballester, e pasamos pola concatedral de San Xiao. A Rúa Real condúcenos ata a Praza de Amboaxe, onde se atopa a igrexa da Virxe das Dores, e logo aparecen a Praza de Armas e o Pazo Consistorial, este de mediados do século XX. Estamos no núcleo da cidade. Desde a nosa posición neste amplo espazo, debemos descender ata a Praza da Constitución e o Cantón de Molíns para chegar á igrexa, tamén neoclásica, das Angustias.
O Camiño continúa cara aos barrios de Recimil e Caranza, ata chegar ao polígono industrial da Gándara, entrando no municipio de Narón. Seguimos pola avenida do Mar, que discorre paralela á ría, e tomamos dirección a Neda.
Ferrol - Xubia
Xubia- Neda
A Rúa da Pena conduce ao mosteiro de San Martiño de Xubia (municipio de Narón). Logo continúa ata enlazar co camiño do Salto, discorre polo muíño de marea das Aceas de Lembeie e cruza a ponte do río Xubia para entrar no municipio de Neda. Á beira deste río sitúase o albergue. Xunto ao concello apreciamos os restos do antigo hospital de peregrinos de Sancti Spiritus (século XV).