Etapa Santuario da Virxe da Barca (Muxía) - Fisterra
Camiño de Fisterra e Muxía
Etapa: Santuario da Virxe da Barca (Muxía) - Faro Fisterra
Culminamos a etapa ata Fisterra sempre acompañados polo mar e por praias impoñentes.
Santuario da Virxe da Barca- Muxía
Saímos do Santuario da Virxe da Barca, de forte tradición xacobea, e do seu contorno de "pedras santas", ás que se lles atribúen propiedades curativas, cara a Muxía, bordeando o Monte Corpiño polo “Camiño da Pel”, topónimo que alude a unha desaparecida fonte na que se aseaban os peregrinos. Na parte baixa do monte, entrando xa na localidade de Muxía, chegamos á igrexa de Santa María, construída en estilo gótico-mariñeiro na segunda metade do século XIV.
Santuario da Virxe da Barca - Muxía
Muxía- Facho de Lourido
Saímos de Muxía polas rúas Campo das Pinas, Os Malatos e Enfesto. Bordeando a praia de Lourido chegamos á aldea de Xurarantes e ao Facho de Lourido, antiga atalaia onde os veciños acendían fogueiras para avisar dos perigos que axexaban estas costas.
Muxía - Facho de Lourido
Facho de Lourido- Lires
Desde o Facho de Lourido a ruta segue por Morquintián, Guisamonde, Frixe e vai descendendo cara a Vaosilveiro, onde cruzaremos o río Castro por unha ponte de nova construción que se inaugurou no ano 2011 e fixo máis doado este vao para o peregrino.
Facho de Lourido - Lires
Lires- Castrexe
A ría de Lires conta cunha importante riqueza ornitolóxica e notables mostras de arquitectura popular e relixiosa.
Logo de cruzarmos o río Lires seguimos a ruta polas aldeas da Canosa, Padrís e Castrexe. Atoparemos un tramo moi fermoso, todo el por encaixadas corredoiras que penetran no monte.
Lires - Castrexe (Praia do Rostro)
Castrexe- Fisterra
Desde Castrexe o Camiño avanza, co mar omnipresente, entre aldeas, bosques e cultivos de millo. Pasamos a carón da praia do Rostro, que aparece entre piñeirais.
Seguimos por Buxán e entramos no val de Duio. Desde a parroquia de San Martiño de Duio, cuxo templo quizais remita á desaparecida cidade romana Dugium, citada no Libro III do Códice Calixtino, subindo e baixando por pistas e bosques, chegamos á vila de Fisterra.
Castrexe (Praia do Rostro) - Fisterra
Fisterra- Faro Fisterra
Desde Fisterra, seguindo a estrada de ascenso ao faro, pasaremos ante a igrexa de Santa María das Areas, que custodia o Santo Cristo de Fisterra.
Chegamos á punta do mítico faro, km 0 do Camiño de Santiago. O océano ábrese ante nós coma un grande angular fotográfico, e todas as sensacións xúntanse ante este cabo da fin do mundo.