Camiño do Norte

Etapa: Lourenza-Abadín

  • Lonxitude 21,9 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 5h 30min
  • Escoita o percorrido da etapa

Os nosos pasos, primeiro en costa pronunciada e logo xa en descenso, seguen unha antiga senda medieval que cruza o fermoso val de Lourenzá e pasa por Mondoñedo, un dos núcleos históricos máis singulares de Galicia.

Lourenzá- San Pedro da Torre

  • Lonxitude 5,2 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 20min

Saímos de Vilanova de Lourenzá, camiño de Mondoñedo. Os nosos pasos, primeiro en costa pronunciada e logo xa en descenso, seguen unha antiga senda medieval que cruza o fermoso val de Lourenzá, o coñecido como Camiño da Brea (do latín Boreas, “vento do norte”, que pasou ao galego como “brea”, que significa “vento forte e con choiva”).

Entramos no termo municipal de Mondoñedo e pasamos por aldeas como Arroxo e Ogrobe, boa parte delas con acolledoras capelas visitables. Camiñamos paralelos á estrada nacional 634. A continuación, alcanzamos San Pedro da Torre.

Lourenzá - San Pedro da Torre

San Pedro da Torre- Mondoñedo

  • Lonxitude 3,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 55min

Deixando atrás San Pedro da Torre e a súa capela chegamos aos lugares do Reguengo e San Paio. A continuación éntrase na cidade de Mondoñedo polo barrio de San Lázaro.

San Pedro da Torre - Mondoñedo

Mondoñedo- Abadín

  • Lonxitude 12,9 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 3h 15min

Mondoñedo, declarada conxunto histórico-artístico, é unha das sés episcopais galegas de maior tradición cultural e un dos núcleos históricos máis singulares de Galicia. Foi capital de provincia ata 1833. É tamén a cidade natal de escritores como Álvaro Cunqueiro ou músicos como Pascual Veiga (autor do himno galego). A súa magna  catedral merece unha visita polo miúdo, e tamén é coñecida pola súa torta de améndoa e cabelo de anxo. Saímos de Mondoñedo pola rúa José María Pardo pola alameda dos Remedios. Continuamos pola LU-3106 e atravesamos Cesuras, o monte do Pico e o monte de Santa Cruz, ata chegar a Abadín.

Existe un tramo complementario desde Mondoñedo que nos leva directamente ata Abadín (17,20 km). Saímos de Mondoñedo pola Fonte Vella, cara ao sur. Pasaremos a carón de Lousada. Logo de ir pola contorna de Lousada (onde se poden visitar os seus antigos fornos de cal), atravesamos A Xesta e despois Gontán. Baña o frondoso val o río Valiñadares. En Gontán –antes do núcleo de Abadín– atópase o albergue. Abadín é capital de municipio e comezo da comarca coñecida como A Terra Chá.