O Camiño no Cebreiro
Asociacións de amigos do Camiño
Cal é a súa orixe e como foron evolucionando
En 1950 fundouse en París a primeira Sociedade de Amigos de Santiago de Compostela.

O 25 de xullo de 1950, un pequeno grupo de historiadores, historiadores da arte, arquiveiros e especialistas en literatura medieval fundaban en París a Sociedade de Amigos de Santiago de Compostela. Eran Jean Babelon, Georges Gaillard, René de la Coste-Messelière e Jeanne Vielliard.
O dobre obxectivo das primeiras asociacións era moi claro: o estudo e a posta en valor da historia, da arte e da literatura asociada coa peregrinación a Santiago e a axuda aos peregrinos
Uníaos o seu interese pola longa historia da peregrinación a Santiago de Compostela, polas súas manifestacións e polo papel que desempeñara na evolución de Europa. Os estatutos que elaborou este primeiro núcleo de amigos de Santiago, e que seguen sendo os da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle, expresaban un dobre obxectivo: o estudo e a posta en valor dos fenómenos históricos, artísticos e literarios asociados coa peregrinación a Santiago e a axuda aos actuais peregrinos na súa viaxe.
En 1962 fundouse en España unha asociación similar. Concretamente, en Estella. No ano xubilar de 1965, a asociación francesa organizou en París unha exposición sobre o Camiño de Santiago e convocou un congreso internacional. Este é o xerme dun fenómeno asociativo que logo se estendería por toda Europa e, xa no século XXI, polos cinco continentes.
Presenza global
Na década 1980-1990 o fenómeno das asociacións empezouse a estender por toda Europa.

O asociacionismo ao redor do fenómeno xacobeo experimentou, a partir dos anos oitenta do século pasado, un crecemento moi significativo. En 1981 créase en Perugia, Italia, unha Confraternita di San Jacopo di Compostella. En 1983 ve a luz a Confraternity of St. James en Inglaterra. En febreiro de 1987 fúndase a Deutsche St. Jakobus-Gesellschaft en Alemaña…, e así por outros lugares coma Bélxica, os Países Baixos…
En 1987 o Consello de Europa outorgáballe desde Estrasburgo o distintivo de Primeiro Itinerario Cultural Europeo ao Camiño de Santiago, pola forza que o fenómeno xacobeo transmitía na unión cultural do continente
O ano 1987 foi crucial no renacemento xacobeo moderno. Tivo lugar en Jaca o I Congreso Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago e constituíuse a Federación Española de Asociacións do Camiño de Santiago.
Desde Estrasburgo, o Consello de Europa outorgáballe, nese mesmo 1987, o distintivo de Primeiro Itinerario Cultural Europeo ao Camiño de Santiago, pola forza que o fenómeno xacobeo transmitía na unión cultural do continente. Ao redor do ano 1990, o movemento xacobeo experimentou non só un auxe exponencial senón tamén un cambio nas súas manifestacións. Multiplicáronse entón as asociacións de amigos de Santiago de Compostela ou de amigos do Camiño de Santiago, tanto nos países pioneiros do movemento coma noutros países de todos os recantos do mundo, con credenciais e estatutos propios.
Funcións
O labor máis determinante das asociacións foi o estudo e a sinalización dos itinerarios xacobeos e tamén a creación e a administración de albergues.

A sinalización, o coidado e a defensa dos itinerarios xacobeos foron, quizais, os labores máis determinantes realizados polas asociacións europeas. Desde o pintado coas frechas amarelas ata, posteriormente, o emprego doutros elementos máis estables.
Do mesmo xeito que as confrarías medievais e modernas, as asociacións organizan tamén actividades dirixidas aos membros que as integran: reunións periódicas, camiñadas, banquetes…
O outro grande obxectivo das asociacións é a creación e mantemento de albergues. E tamén o mantemento e a promoción do patrimonio xacobeo da súa zona mediante, por exemplo, o funcionamento de centros de estudos para divulgar o fenómeno histórico e artístico das peregrinacións.
Do mesmo xeito que as confrarías medievais e modernas, as asociacións organizan tamén actividades dirixidas aos membros que as integran: reunións periódicas, camiñadas, comidas fraternais, boletíns informativos, a celebración do 25 de xullo e, ás veces, actividades puramente culturais. Todas funcionan sobre a base do voluntariado.
Reunións e actualidade
As asociacións de amigos do Camiño de Santiago están agora estendidas polos cinco continentes e non pasan meses sen que aparezan outras novas.

As asociacións de amigos do Camiño de Santiago están agora estendidas polos cinco continentes e non pasan meses sen que aparezan outras novas. A súa prioridade é a atención ao peregrino, ao que lle facilitan a credencial, información e, en ocasións, aloxamento.
En xuño de 2015, celebrouse en Santiago o I Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño, que reuniu a 157 organizacións dos cinco continentes
Tamén manteñen os camiños e o patrimonio xacobeo e moitas delas conservan o obxectivo inicial de estudar a historia, a arte e a literatura da peregrinación. Nesta faceta hai que lembrar que, á parte das asociacións, existen no mundo varios centros de estudos composteláns, coma os de Francia e Italia, que publican artigos científicos e libros, organizan ou participan en congresos e asesoran a todos os peregrinos.
Existen ademais bibliotecas especializadas en temas xacobeos, revistas como Compostellanum, Compostelle, Compostella ou Ad Limina, e museos de peregrinacións. Pola súa banda, a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo recuperou o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, actualmente composto por especialistas de España, Alemaña, Francia, Italia, Inglaterra e Portugal, que celebra periodicamente congresos internacionais en Compostela.
En xuño de 2015, celebrouse en Santiago o I Encontro Mundial en Galicia das Asociacións de Amigos do Camiño. Participaron 28 países representados por 157 asociacións. Na actualidade, existen en todo o mundo 350 asociacións e o 60 % delas localízanse fóra de España.