Melchor Fernández Fernández
Melchor Fernández Fernández (Ourense, 1969) é doutor en Economía pola Universitat Autònoma de Barcelona e profesor titular de Universidade no Departamento de Fundamentos da Análise Económica da Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente é director do Departamento de Fundamentos da Análise Económica, coordinador do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME), recoñecido polo Sistema Universitario Galego como Grupo de Referencia Competitiva, e coordinador do programa de doutoramento da Desenvolvemento Rexional e Integración Económica. Anteriormente, desde novembro do 2005 a xaneiro de 2014, foi director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA).
As súas investigacións xiraron ao redor da avaliación de políticas socioeconómicas con modelos de equilibrio xeral, a planificación e avaliación de servizos sociosanitarios, a análise económica do mercado laboral e a avaliación do impacto socioeconómico do Camiño de Santiago. Polas súas investigacións sobre o Camiño de Santiago, recibiu en 2021 o VIII Premio de investigación en economía de Galicia “Valentín Paz Andrade”. En 2009 e 2021 obtivo o Premio Lluis Fina, que concede a Asociación Española de Economía do Traballo.
Durante os últimos 10 anos participou na dirección de 13 teses doutorais (tres delas premio extraordinario de doutoramento), que deron lugar a unha morea de publicacións internacionais de referencia, entre as que destacan as achegas á análise do turismo e o impacto socioeconómico a escala local do Camiño de Santiago. Como exemplo recente, o traballo titulado Covid-19 and tourism vulnerability, publicado na revista Tourism Management Perspectives 38, está actualmente caracterizado como un Higly Cited Paper segundo WOS (artigos con citas dabondo para incluírse no 1% dos mellores artigos do eido académico de Social Sciences).
Desde o ano 2000 participou en máis de 85 proxectos e contratos de investigación. Deste total, en 53 era o investigador principal. Na maior parte dos casos, estes proxectos de investigación teñen como obxectivo prioritario asesorar a Administración pública en aspectos e cuestións relevantes que requiren a elaboración de novas metodoloxías de análises ou a adaptación das xa existentes. Entre todos estes contratos destacan os relacionados coa planificación e avaliación de servizos sociosanitarios e a investigación realizada sobre o impacto socioeconómico do Camiño de Santiago.