Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla

Etapa: Padrón-Compostela

  • Lonxitude 24,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 50min

Padrón

  • Dificultade Media-Baixa

Padrón, berce da tradición xacobea, vila fermosa e monumental, aséntase nunha ampla veiga entre os ríos Ulla e Sar. O seu nome parece proceder do Pedrón, unha ara romana dedicada a Neptuno que a tradición vincula co lugar de amarre da barca apostólica —a barca de pedra—, que hoxe se custodia na igrexa de Santiago.

O Padrón monumental regálanos múltiples mostras da súa beleza. Pero tamén seduce o Padrón paisaxístico, que nos convida por exemplo a camiñar polo curso do río Sar ata a súa desembocadura no Ulla. Ou subir ao santuario do Santiaguiño do Monte, por medio dun via crucis de 125 banzos. E tamén gozar co xardín botánico, do século XIX.

O Padrón extra muros ou rural esténdese cara a Iria Flavia —que foi cidade romana, sé episcopal ata o século XI e onde hoxe se sitúa a Fundación Camilo José Cela—, ata o esvelto santuario da Escravitude. Tamén cara a Herbón —onde crecen os famosos pementos— ou rumbo á Matanza —a casa de Rosalía de Castro— ou a Carcacía —patria do poeta medieval Macías o Namorado—.

Rois

  • Dificultade Media-Baixa

Rois pertence á comarca do Sar e conta con algo máis de 5.000 habitantes. É un municipio de interior, pero moi vinculado coa costa pola súa proximidade a dúas rías: a de Arousa e a de Muros-Noia. Exhibe unha paisaxe moi variada, que se estende, nos seus algo menos de 100 quilómetros cadrados, desde os 600 metros de altitude do monte do Pedregal, ata o fértil val do Sar e os seus afluentes, os ríos Liñares e Rois.

Na parroquia de Ribasar atópase un importante xacemento arqueolóxico, o castro Lupario, nun outeiro que comparte co municipio de Brión. Poden verse nel restos de muros e murallas. Aquí viviu, segundo a tradición, a raíña Lupa, a quen os discípulos de Santiago lle solicitaron un lugar para enterrar o apóstolo.

Rois conta ademais cunha variada riqueza etnográfica e monumental: pazos, hórreos, numerosos cruceiros e interesantes igrexas barrocas, algunhas con elementos románicos.

Teo

  • Dificultade Media-Baixa

Municipio situado a uns 15 quilómetros da capital de Galicia e moi influenciado por esa proximidade a Compostela. Teo foi unha histórica encrucillada de camiños desde o tempo dos romanos. Pola ponte de Rúa de Francos, por exemplo, pasaba a antiga calzada medieval de Padrón a Santiago.

O río Ulla deixa ao seu paso por estas terras paisaxes memorables e zonas propicias para a pesca. Como moitos outros municipios da zona, Teo sobresae ademais pola riqueza etnográfica, como os petos de ánimas espallados por todo o territorio, ou os cruceiros, entre os que destaca o de Francos, un dos máis antigos de Galicia.

No escudo de Teo aparecen dous sabres cruzados sobre unha ponte. Lembran a célebre batalla de Cacheiras, que tivo lugar nesta parroquia o 23 de abril de 1846, símbolo da loita dos liberais —o comandante Solís en alianza cos recentemente nacidos galeguistas— contra a ditadura do xeneral Narváez. Este tivo que dimitir, mais Solís e once dos seus oficiais serían fusilados tres días despois en Carral.

Ames

  • Dificultade Media-Baixa

No val da Maía, regado polos ríos Tambre e Sar, e lindeiro con Santiago, Ames vive baixo a forte influencia da capital galega, pois son moitos os traballadores de Compostela censados no seu territorio. A súa poboación supera os 25.000 habitantes e é o municipio con maior índice de natalidade de Galicia.

Por Ames transitan outros dous camiños xacobeos: o Portugués —que pasa polo Milladoiro, o “humilladoiro”; é dicir, onde os peregrinos se humillaban ou axeonllaban ao ver por vez primeira a catedral, algo que sucedía ao pé da capela da Madalena— e o Camiño de Fisterra e Muxía, coñecido aquí como Camiño Real, que ten no lugar da Ponte Maceira unha destacada ponte de cinco ollos construída sobre o río Tambre (século XIV).

Na aldea de Ortoño viviu os seus primeiros anos a escritora Rosalía de Castro. En 1923, un grupo de galeguistas fundaría na coñecida como Casa de Rosalía o Seminario de Estudos Galegos, unha institución en defensa da cultura galega.

Ames sorprende pola súa riqueza etnográfica e natural e, ao mesmo tempo, polo dinamismo socioeconómico que contaxia a súa proximidade a Santiago. Destacan pazos como Leboráns, en Trasmonte; Lens, en San Paio, rodeado dunha magnífica contorna natural; Quintáns, moi ben conservado; o Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e a Casa de Sandar (Agrón), entre outros. Os cruceiros, petos de ánimas, fontes, pombais, lavadoiros ou muíños esténdense tamén por toda a súa xeografía, que conta ademais cunha praia fluvial, a de Tapia (río Tambre), moi frecuentada polos santiagueses.

- Santiago de Compostela

  • Dificultade Media-Baixa

Como xa comentamos, a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla segue, desde Pontecesures e ata Santiago, o percorrido do Camiño Portugués. Deterémonos pois na descrición da entrada, polo sur, á capital galega.

As ruínas do castelo fortaleza da Rocha Forte recíbennos pouco antes de alcanzar o centro urbano de Compostela. Son os restos —apenas a planta— do castelo medieval máis emblemático da mitra compostelá, ocupado entre os séculos XIII e XV, cando foi destruído polos irmandiños.

Penetramos en Santiago, ben a través do barrio da Choupana —xunto ao Hospital Clínico, nunha florecente zona residencial, e co Campus Vida da Universidade de Santiago á nosa esquerda— ou do histórico barrio de Conxo. Ambas as alternativas conflúen na Praza de Vigo, onde naceu Rosalía de Castro.

Os últimos metros do Camiño levarannos pola Alameda —coa súa frondosa carballeira de Santa Susana—, ata entrar na zona histórica pola Rúa do Franco e alcanzar a catedral desde a Praza das Praterías.