Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla

Etapa: Arousa Norte

  • Dificultade Media

Ribeira

  • Dificultade Media-Baixa

Polo norte da ría, Ribeira e a súa illa de Sálvora son o pórtico da ruta marítimo-fluvial a Compostela. Aos atractivos naturais e monumentais suma Ribeira un potente porto pesqueiro, líder en España en baixura. Da súa lonxa sae mercadoría a diario para toda Europa.

O litoral regala magníficas praias como as de Río Azor, Coroso, O Castro ou A Furna; e espectáculos naturais como a contorna de Corrubedo e o seu complexo dunar; ademais de miradoiros que nos ofrecen a panorámica da gran ría, como o de San RoquePedra da Rá ou Monte Facho, entre outros.

O legado prehistórico tamén nos ofrece valiosos testemuños en forma de monumentos megalíticos, presididos polo impresionante Dolmen de Axeitos. Ou castros como o da Cidá. E mesmo os restos, en Aguiño, dun posible porto de orixe fenicia.

O 12 de setembro de cada ano, Ribeira celebra as súas festas patronais, o 24 de xullo ten lugar a Festa da Dorna, e en Aguiño celébrase a Festa do Percebe. Os restaurantes do lugar preparan con esmero e brillante resultado os excelentes produtos do mar.

A Pobra do Caramiñal

  • Dificultade Media-Baixa

A Pobra do Caramiñal é unha das vilas mellor conservadas da ría de Arousa. Posúe un cuantioso tesouro histórico-artístico, configurado por igrexas e pazos de grande interese. No actual escudo móstrase ademais a súa pegada xacobea: unha embarcación que navega baixo dúas cunchas de vieira.

O municipio é o resultado da fusión, no século XIX, de dous núcleos: A Pobra do Deán e a vila do Caramiñal. Por aqueles días, a industria conserveira local —en mans de industriais cataláns— vivía o seu máximo esplendor.

Entre os pazos destacados figura a Torre Bermúdez, que acolle o Museo Valle-Inclán. Nel móstranse diferentes obxectos relacionados coa vida do ilustre escritor, que afirmou nacer nun barco en plena ría de Arousa, entre Vilanova e A Pobra.

A Pobra é hoxe ademais un atractivo municipio con animadas praias en xullo e agosto, con rutas naturais pola serra do Barbanza e con rutas literarias que seguen os pasos do inmortal dramaturgo e novelista Ramón María del Valle-Inclán.

Boiro

  • Dificultade Media-Baixa

O topónimo Boiro pode ter a súa orixe en “bruma” ou “néboa”, pero tamén en “bo-ouro”, “bo ouro”, en alusión a aquela Gallaecia rica no prezado metal. Ou quizais derive da tribo sueva dos burios. En calquera caso, o municipio conserva hoxe importantes xacementos prehistóricos —megálitos e petróglifos— e prerromanos, coma o castro do Neixón, alén dunha riqueza natural común a toda a serra do Barbanza, cara á que se estende Boiro desde os seus máis de 60 km de costa.

Precisamente o castro do Neixón, asomado ao mar a través da enseada de Rianxo, permítenos viaxar 2.000 anos no tempo e pensar que o tráfico marítimo de naves romanas foi habitual para estes habitantes. Unha daquelas naves ben puido ser a barca de pedra que transportou os restos do apóstolo. Na contorna deste castro celébrase, o domingo anterior ao 15 de agosto, a popular Romaría de Neixón.

Boiro atrae, ademais de polas súas praias resgardadas, polos seus pazos de liñaxe e polas súas atractivas rutas en plena natureza.

Rianxo

  • Dificultade Media-Baixa

A vila de Rianxo reúne algúns dos máis fondos sinais de identidade de Galicia. Por unha banda, bautizou unha das cancións máis populares e internacionais desta terra: "A rianxeira", escrita nos anos 40 do pasado século por dous emigrantes en Bos Aires, e que comeza así: “Ondiñas veñen, ondiñas veñen e van...”. Por outra banda, viu nacer na súa rúa de Abaixo tres dos máis destacados intelectuais e artistas galegos do século XX: o narrador, dramaturgo, ensaísta, político e debuxante Alfonso Daniel Rodríguez Castelao; o poeta Manuel Antonio e o narrador e editor Rafael Dieste.

Rianxo combina campo e mar. Polo litoral despréganse as bateas onde se cultiva o mexillón e, no seu porto, a lonxa poxa a riqueza capturada pola frota da vila. Terra dentro, os cultivos agrarios completan esa dobre riqueza natural do municipio.

A Virxe de Guadalupe preside as festas máis importantes de Rianxo, que se celebran cada setembro e nas que destaca unha devota e colorista procesión marítima pola ría.

Dodro

  • Dificultade Media-Baixa

Dodro é un pequeno municipio situado no estuario do río Ulla, unha zona natural de marismas que comparte con Padrón e Rianxo. Con pouco máis de 3.000 habitantes, distribuídos en tres parroquias —Santa María de Dodro, San Xián de Laíño e San Xoán de Laíño—, Dodro xurdiu como concello en 1836, froito dunha escisión de Padrón.

Estas terras recollen un rico pasado señorial —os pazos de Lestrove ou de Hermida son singulares testemuños disto— e unha historia literaria e cultural que procede da súa íntima conexión con Rosalía de Castro e co seu esposo Manuel Murguía, quen viviron varias tempadas aquí. Ademais, por todo o territorio municipal álzanse fermosas mostras de arquitectura popular en forma de cruceiros —algúns cunha pequena capela incorporada no seu fuste—, pombais, muíños ou fontes.

Rosalía de Castro inmortalizou as paisaxes de Dodro en versos como os seguintes: “Como chove miudiño, / como miudiño chove; / como chove miudiño / pola banda de Laíño, / pola banda de Lestrove”.