Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla

Etapa: Arousa Sur

  • Dificultade Media
  • Escoita o percorrido da etapa

Sanxenxo

  • Dificultade Media-Baixa

Sanxenxo é o municipio emblemático de Galicia en turismo de sol e praia. Os seus 36 km de costa contan cunha vintena de areais, máis da metade con Bandeira Azul, polo que este concello se sitúa á cabeza de España neste tipo de distincións.

A praia de Silgar é a máis populosa, e o núcleo do veraneo de miles de galegos e foráneos. No outro extremo de Sanxenxo atópase A Lanzada, unha praia emblemática de 2,8 km de extensión cuxa maior parte pertence ao municipio veciño do Grove.

Ao comezo deste areal, na zona de Sanxenxo, A Lanzada posúe un valioso conxunto histórico tardorromano e medieval formado por unha necrópole romana —escavada en 2010— e os restos do castelo da Lanzada, primeira defensa marítima da Compostela dos séculos XI e XII, da que quedan restos dunha torre e a capela románica.

Este municipio é tamén coñecido pola gastronomía do mar, polos delicados viños albariños (Denominación de Orixe Rías Baixas), coma os de Padriñán, e polas noites de verán de Silgar e Portonovo.

Meaño

  • Dificultade Media-Baixa

Se Sanxenxo representa o potencial e a beleza do litoral atlántico, Meaño regálanos, como unha prolongación relaxada terra dentro, a súa paisaxe rural de fértiles cultivos, entre os que destaca a uva do viño albariño, e a súa riqueza en pedra granítica.

Cunha poboación duns 6.000 habitantes, Meaño exhibe a súa fermosa etnografía e a súa arquitectura civil en cruceiros, hórreos —coma o de Simes, en forma de L—, muíños de auga —máis de 70 en todo o territorio—, ou pazos coma o dos Zárate ou Lis, ademais do románico dos seus templos, entre os que figura a igrexa de Simes.

Xunto a estas mostras artísticas, os viñedos despregados polas súas ladeiras chegan a ser tamén verdadeiras obras de arte; son os famosos albariños, da Denominación de Orixe Rías Baixas, que personalizan toda esta comarca do Salnés. Trátase de viños brancos aromáticos, afroitados e novos que obtiveron prestixio mundial.

Meaño é un municipio tranquilo. A súa selecta oferta de turismo rural complementa o bulicio multicolor procedente da costa próxima. A Ruta dos Muíños lévanos de sendeirismo polos muíños de auga, e cada xullo este municipio exalta os seus viños albariños no Encontro de Viños de Autor. En toda a comarca do Salnés trazáronse varias rutas do viño.

O Grove

  • Dificultade Media-Baixa

O municipio do Grove arrinca na punta de San Vicente, á entrada da ría por estribor. O seu outro extremo sitúase na illa da Toxa, recollida ao leste, no interior dese océano en miniatura que conforma a gran ría de Arousa.

A península de San Vicente regalounos a representación iconográfica máis antiga da Translatio do corpo do apóstolo Santiago. Trátase dunha moeda da ceca compostelá correspondente ao reinado de Fernando II de León (1157-1188) que foi atopada nas escavacións arqueolóxicas de Adro Vello, na praia do Carreiro. A moeda, de prata e cobre, mostra no seu reverso o corpo xacente do apóstolo, acompañado polos seus dous discípulos e descansando no interior dunha nave.

Entre a punta San Vicente e a illa da Toxa, O Grove ofrece un litoral con magníficas praias de area branca ou dourada, xenuínos espazos naturais con bosques de piñeiro silvestre e atractivas rutas de sendeirismo.

Meis

  • Dificultade Media-Baixa

O mosteiro de Armenteira, do século XII e de orixe cisterciense, é o emblema monumental do municipio de Meis. O cenobio sufriu varias reformas ao longo da historia, pero a súa impoñente arquitectura lémbranos hoxe que foi un dos mosteiros máis importantes de Galicia.

Desde o punto de vista paisaxístico e etnográfico, destaca a denominada Ruta dos Muíños e da Auga, polas marxes do río Armenteira, outro dos grandes atractivos deste pequeno concello do interior da comarca do Salnés. A rehabilitación dos muíños do Rego de Sanmartiño enriquece a visita a este fermoso lugar.

Meis regálanos, ademais, o románico puro de varias das súas igrexas e importantes exemplos de pazos, a característica arquitectura civil galega, expresión do poder da nobreza rural. Ligadas a eles floreceron en ocasións empresas de turismo rural que permiten gozar a fondo da contorna, unha paisaxe personalizada polo cultivo vinícola da Denominación de Orixe Rías Baixas.

Cambados

  • Dificultade Media-Baixa

Cambados ofrece unha das mellores postas de sol de toda a ría de Arousa e un rico patrimonio histórico-artístico. O municipio está integrado por tres núcleos históricos: Fefiñáns —coa bela praza homónima como emblema—, Cambados —centro administrativo e onde se atopa o pazo de Bazán, que actualmente alberga o Parador Nacional de Turismo—, e San Tomé do Mar —a vila mariñeira por excelencia—.

Os pazos ou casas señoriais, principalmente dos séculos XVII e XVIII, deixaron tamén aquí exemplos admirables, como o citado pazo de Bazán, o pazo de Ulloa ou o de Montesacro.

Cambados é tamén a patria de moitos galegos ilustres, como o poeta Ramón Cabanillas, que versou “Galicia! Nai e Señora, sempre garimosa e forte!”, os escultores Francisco Asorey e Francisco Leiro, ou o político e escritor do século XIX Pedro Pablo Bazán de Mendoza. Así mesmo, tiveron aquí residencia escritores como Emilia Pardo Bazán, Valle-Inclán ou o teórico do rexionalismo Alfredo Brañas.

Ribadumia

  • Dificultade Media-Baixa

Rodeado polos concellos de Cambados, Meaño, Meis e Vilanova de Arousa, o municipio de Ribadumia atópase en pleno corazón do rico val do Salnés. O río Umia nútreo e defíneo. En zonas do seu curso fluvial e nalgúns dos seus afluentes —como o río Armenteira— habilitáronse atractivas rutas de sendeirismo que son hoxe un dos grandes reclamos destas terras.

Outro dos sinais de identidade de Ribadumia é o seu patrimonio etnográfico: á parte dos tradicionais muíños situados ao pé do río —como os de Rudiño, Porto, Batán, O Casal ou Xesteira, moitos deles, rehabilitados—, a presenza natural da auga creou singulares fontes e lavadoiros. E señoriais pazos como o de Barrantes, Quinteiro da CruzPedreira e Pazo do Monte.

O cultivo da vide, común a toda a comarca do Salnés nas súas variedades brancas albariño e caíño, enriquécese aquí cun intenso viño autóctono coñecido como Tinto de Barrantes. A comezos de xuño celébrase a Festa do Viño Tinto do Salnés, o coñecido como “Barrantes”, caldo exclusivo desta zona.

Vilagarcía de Arousa

  • Dificultade Media-Baixa

Vilagarcía, a Perla de Arousa, foi fundada a mediados do século XV nunha pequena enseada dominada polos montes Xiabre e Lobeira. Neste último existiu unha fortaleza medieval que tivo un gran protagonismo na época do arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez, xa que dela se serviu, e en varias ocasións, a raíña dona Urraca. Hoxe, Vilagarcía conta cunha poboación duns 35.000 habitantes, é unha cidade dinámica, turística e o centro neurálxico da comarca do Salnés.

Desde a súa animada zona portuaria discorre un paseo marítimo de algo máis de dous quilómetros que une o centro coa vila de Carril, paralelo ás praias da Concha e Compostela. Carril é famosa pola calidade e pola preparación do máis famoso dos seus mariscos: as ameixas. Fronte a esta vila mariñeira, a apenas 200 m da costa, álzase a Illa de Cortegada.

Illa de Arousa

  • Dificultade Media-Baixa

Situada no medio do mar de Arousa, é —cos seus 7 km de longo por 2,5 de ancho e 36 de costa— a maior das illas da ría. O seu litoral é rochoso e baixo, debuxado con pequenas calas e praias resgardadas, perfectas para o baño, sobre todo coa marea alta. Enlaza co continente por medio dunha longa ponte de case dous quilómetros, inaugurado en 1985. Ata esa data, o paso á illa facíase en barcas que partían do porto de Vilanova de Arousa. Esta circunstancia de illamento secular permitiu conservar aquí unha natureza única.

É o caso do Parque Natural de Carreirón, no extremo sur, unha península unida á illa polo túmulo das Salinas. Está catalogado como zona de especial protección para as aves polas poboacións de garza real, entre outras. A vexetación dunar e os bosques de piñeiros danse a man creando unha paisaxe realmente valiosa.

A Illa de Arousa presume, ademais, de preparar un dos mellores polbos á feira de Galicia. Os seus habitantes levan séculos pescando este cefalópodo. A Festa do Mexillón celébrase o primeiro domingo de agosto e, a Festa do Polbo, o primeiro domingo de setembro.

Vilanova de Arousa

  • Dificultade Media-Baixa

Vilanova é o municipio natal do escritor Ramón María del Valle-Inclán. Aquí naceu, na Casa do Cuadrante —hoxe Casa-Museo— un 28 de outubro de 1866. Este foi o inspirado lugar onde o famoso dramaturgo afirmou escoitar “as historias de santos, almas en pena, trasgos e ladróns” que lle contaba “unha doncela moi vella que se chamaba Micaela a Galana”.

Tamén Vilanova é o berce dos irmáns, escritores e xornalistas, Julio e Francisco Camba. Pola vila trazáronse os itinerarios literarios e vitais de Valle-Inclán e dos irmáns Camba, que nos permiten descubrir a orixe do seu universo literario.

O municipio esténdese polo bordo marítimo da ría, o coñecido como Mar de Arousa. Conta cun extenso litoral de 20 km, enriquecido por praias con enorme encanto, de areas finas e rochas debuxadas polo tempo, os ventos e o mar. Dúas das máis coñecidas son As Sinas e O Terrón, moi concorridas no tempo de verán. É tamén no estío cando se concentran as festas e romarías máis populares, como a Festa do Mexillón e a Festa do Berberecho, durante a primeira quincena de agosto.

Catoira

  • Dificultade Media-Baixa

ría de Arousa vai quedando atrás e penetramos no curso último do río Ulla. As fronteiras entre o mar e a canle fluvial son difíciles de precisar. Río arriba chegamos ás terras de Catoira, que foron defendidas con fervor nos tempos medievais polas famosas Torres de Oeste, o gran monumento deste municipio.

A súa orixe remóntase a un pequeno poboado castrexo (séculos I-II a. C.) transformado en porto comercial durante a época romana (séculos I-II d. C.). A primeira fortaleza levantouse a finais do século IX ou inicios do X, en tempos de Afonso III o Magno, para a defensa de Iria Flavia e Santiago. Restos desa época son as dúas torres grandes que quedan actualmente en pé.

As Torres de Oeste cobraron relevancia na época do arcebispo de Santiago Diego Xelmírez, pois era o lugar onde se refuxiaba a mitra compostelá. Estas fortificacións eran consideradas como “chave e selo de Galicia”. Na zona estaban os estaleiros e a pequena frota de guerra, a primeira da España cristiá, que Xelmírez armou contra os piratas almorábides.

Valga

  • Dificultade Media-Baixa

Valga integra cinco parroquias e conta con algo máis de 6.000 habitantes. Situado na beira esquerda do curso baixo do río Ulla, os primeiros vestixios de ocupación humana neste municipio remóntanse á Idade de Bronce (1800-600 a. C.), época á que pertence o petróglifo de Camporredondo.

Hoxe, todo o territorio obséquianos con destacadas mostras de arquitectura popular —cruceiros, petos de ánimas, casas señoriais—, o románico de igrexas como a de Xanza e lugares de gran beleza coma os espléndidos miradoiros naturais de Chao do Monte, Camporredondo ou Xesteiras.

En Valga naceu, en 1868, Carolina Otero, A bela Otero, unha das bailarinas máis famosas da Belle époque parisiense. No centro urbano do concello, un frondoso e acolledor parque leva o seu nome. Tamén Xesús Ferro Couselo (1906-1975) —investigador e ensaísta a quen en 1996 se lle dedicou o Día das Letras Galegas— é oriúndo de Valga, do mesmo xeito ca Manuel Magariños Castaños, fundador en 1906 de El diario español de Uruguai.

Pontecesures

  • Dificultade Media-Baixa

A estratéxica situación de Pontecesures, próxima á cidade romana de Iria Flavia, determinou a construción dunha gran ponte de pedra no século I, reconstruída logo no século XII e moi reformada na época moderna, infraestrutura que leva, con todo, dous milenios cumprindo a súa función. Ao parecer, o topónimo de Pontecesures pode proceder de Censuris; é dicir, onde se facían os empadroamentos romanos.

O porto de Pontecesures tivo unha gran relevancia histórica. No século XII, Xelmírez crearía un estaleiro xacobeo para construír naves de combate contra os piratas. Ademais, entre os séculos XV e XVIII este porto era o único habilitado para a descarga de sal. En 1795, Carlos IV mandou construír un grande almacén para sal, tabaco e xofre, o coñecido como O Alfolí, edificio hoxe visitable.

En Pontecesures conclúe a ruta marítimo-fluvial do Mar de Arousa. A partir de aquí, o peregrino debe continuar Camiño por terra ata Padrón, Iria Flavia, Teo e Compostela, e para iso ha de ir polo último tramo do Camiño Portugués. A romaría de San Lázaro (Domingo de Paixón) data do século XIV e é das máis antigas de Galicia. Entre marzo e abril, celébrase a Festa da Lamprea.