Camiño Francés

Etapa: Portomarín - Palas de Rei

  • Lonxitude 25,1 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 5h 55min
  • Escoita o percorrido da etapa

Desde a aldea de Gonzar, o camiño continúa por Castromaior e Ligonde, cuxo hospital acolleu o emperador Carlos I e o seu fillo Filipe II, os máis coñecidos peregrinos do século XVI.

Inmediatamente despois, a ruta intérnase en terras do municipio de Palas de Rei, que lle debe o seu nome a un suposto palacio real construído nas súas inmediacións.

Portomarín- Gonzar

  • Lonxitude 8,2 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 1h 35min

Sáese de Portomarín cruzando o encoro por unha ponte para viandantes.

A partir de aí empeza unha subida bastante intensa, seguindo o curso da estrada ata chegar a Gonzar, coa súa igrexa e o seu albergue, situado ao pé do Camiño.

Gonzar- Vendas de Narón

  • Lonxitude 5,2 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 20min

Desde Gonzar séguese ata Castromaior, coñecido pola súa igrexa románica, situada á beira dun pequeno arroio e próxima aos restos dun antigo castro.

Continúa logo cara ao Hospital, cruza unha ponte sobre a estrada xeral e desemboca nunha vía comarcal de camiño a Vendas de Narón.

Gonzar - Vendas de Narón

Vendas de Narón- A Eirexe

  • Lonxitude 4,2 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 05min

Continuamos pola Previsa e Os Lameiros, onde está a pequena capela de San Marcos, entre carballos centenarios.

A continuación chegamos a Ligonde, onde hai algúns restos históricos pero moi poucos servizos, que si están dispoñibles no seguinte núcleo, A Eirexe, onde se atopa o albergue. En Ligonde hai que salientar o seu cemiterio, no que os nichos están orientados cara á estrada, cubrindo de flores a estreita beiravía.

Vendas de Naron - A Eirexe

A Eirexe- Lestedo

  • Lonxitude 2,6 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 40min

O camiño continúa pasando por diferentes aldeas, entre as que destaca un albergue con cortellos para cabalos, entre Portos e Lestedo.

Neste tramo, afastado do camiño, atópase o templo románico de Vilar de Donas, un antigo priorado da Orde de Santiago.

Lestedo- Palas de Rei

  • Lonxitude 4,9 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 15min

Segue a ruta ata A Brea, onde se desvía durante un pequeno tramo por un camiño que se une máis tarde á estrada xeral, que seguirá, ata xusto antes de entrar en Palas de Rei, pola súa área recreativa, Os Chacotes, onde está situado o Pavillón de Peregrinos.

Séguese ata o centro urbano de Palas de Rei e pásase pola igrexa de San Tirso. O albergue está xusto enfronte do Concello, na rúa principal, e pasa moi desapercibido. Diante temos unha cabina telefónica e numerosos servizos próximos.