Camiño Francés

Etapa: Melide - Arzúa

  • Lonxitude 14,5 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 3h 40min
  • Escoita o percorrido da etapa

Despois de Melide, o Camiño pasa por Boente e Castañeda para chegar logo a Arzúa, vila queixeira que conta cunha importante oferta de turismo rural e activo, especialmente nas proximidades do encoro de Portodemouros.

 

Melide- Boente

  • Lonxitude 5,8 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 25min

O Camiño preséntase nesta etapa dócil e en moi bo estado, a través de sendas de terra e pedra, así como pequenas estradas ou pistas asfaltadas entre vilas, con suaves ascensos e descensos, que alternan con tramos chairos.

Boente- Ribadiso

  • Lonxitude 5,5 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 1h 25min

En Boente atopamos unha fonte de catro canos e un cruceiro, separados da igrexa pola estrada xeral.

Desde alí chégase a Ribadiso por unha ponte sobre o río Iso, xunto ao que está o albergue, un dos máis bonitos do Camiño Francés, composto de varias casiñas rehabilitadas, con lareira ou cociña tradicional no comedor e cun amplo xardín con escaleiras directas ao río, onde se bañan os peregrinos no verán.

Ribadiso- Arzúa

  • Lonxitude 3,2 Km
  • Dificultade Media
  • Duración estimada 50min

Despois de Ribadiso, o Camiño discorre pola estrada ata chegar a Arzúa, a terra do queixo por excelencia.

Arzúa é unha vila con todos os servizos para os peregrinos, lugares onde comer e durmir, bancos, centro de saúde, farmacia, supermercados e tendas. O albergue está situado xusto á beira da capela da Madalena, que se abre eventualmente como sala de exposicións. Xusto en diagonal con esta, atopámonos coa igrexa de Santiago.