Gyuba-doji Statue
Camino Kumano

Desde hai tres mil anos o xintoísmo destaca na cultura nipoa como principal fonte espiritual que inspira o respecto á memoria dos antepasados e ás forzas da natureza. A mediados do século VI incorporouse o budismo a esta sensibilidade, cuxas ensinanzas foron importadas desde China. As tensións teolóxicas e sociais entre seguidores xintoístas e adeptos á nova relixión terminou coa imposición do budismo en época da emperatriz Suiko (593-628) e a revelación de Buda como deus residente en Kumano. A partir de entón eríxense nesta ruta imaxes de Buda e érguense templos e santuarios na súa honra. Aos poucos o budismo adóptase como parte dun sincretismo relixioso no que o xintoísmo segue a ser relevante.
A peregrinación ao confín -pois ese é o significado de Kumano-, a unhas montañas onde habitan os deuses da natureza, xa existía no ánimo dos peregrinos medievais que transitaban as rutas do antigo camiño Kumano. A peregrinación conducía a unha fronteira misteriosa, habitada polas divindades que viven nos ríos, nas fervenzas, e en determinadas árbores, rocas e montañas. Buda e os deuses xintoístas habitan esa natureza transitada polos peregrinos a través de sete camiños trazados nas montañas da ruta Kii, incluídos Ohechi, Nakahechi e Kohechi, así como o camiño Koya.
Foi durante o período Nara (710-782), coincidindo cun florecemento cultural liderado polos mosteiros budistas, cando Xapón comeza a fusionar o xintoísmo co budismo. Cando a fins do século VIII a capital cambie de lugar, de Nara a Kyoto, e se inicie o período Heian (794-1192), os emperadores visitan piadosamente as montañas e camiños de Kumano, unha tradición que comeza en 907 coa peregrinación do emperador Uda polo camiño Nakahechi. A purificación do peregrino efectuábase nos ríos de Kumano, no curso dunha cerimonia denominada misogi. Durante o período Heian a limpeza de pecados e impurezas verificábase nestes cursos fluviais habitados polos deuses. A auga tiña un sentido simbólico relacionado coa espiritualidade sincrética do Kumano kodo. Os peregrinos crían no valor ascético desta viaxe meritoria. A limpeza do corpo, a través das cerimonias de purificación misogi, simbolizaba a limpeza da alma, logrando a expiación dos pecados tras o esforzo da peregrinación no espazo sacro de Kumano. Tras as penalidades da vida terrestre, e co aval de satisfacer o fatigoso camiño de peregrinación, os fieis que superaran esta proba poderían gozar de mellor fortuna na próxima vida.
Tras unha época de crise que coincide co período Kamakura (1192-1333), no que deixaron de producirse as visitas imperiais a estas sendas, a ruta rexorde en 1619, cando Tokugawa Yorinobu, señor da provincia Kishu (actual Prefectura de Wakayama), reconstrúe camiños, santuarios e albergues, logrando que a peregrinación a Kumano renaza no século XVII, co espírito orixinal da ruta: seguir as ensinanzas dos deuses do Kumano kodo e manter a fe na felicidade da vida futura. Unha das tradicións recuperadas foi o exercicio da hospitalidade -o osettai-, unha práctica necesaria para atender os peregrinos, en ocasións enfermos, de modo que no Kumano kodo axiña se estendeu a crenza de que aqueles que ofrecían axuda desinteresada e piadosa eran beneficiados con grazas espirituais.
Formando parte das montañas máis sacras de Kumano kodo, no denominado Kumano Sanzan, están os tres principais santuarios: Kumano Hongu, Kumano Hayatama e Kumano Nachi, un conxunto monumental e sacro localizado na península Kii. En 940 os santuarios de Hongu e Hayatama lograron a categoría de santuarios do máis alto rango e pasaron a denominarse Shoichii.
Neste espazo sacro os peregrinos levan flores aos espíritos Gaki-ami ou Hidaru-shin, como respecto aos espíritos que habitan, xunto con Buda e os deuses da natureza, un espazo pisado con fervor polos vivos. Esta convivencia de seres terreais e supraterreais está asegurada polos mitos e tradicións de Kumano: as rutas das montañas están habitadas por deuses e peregrinos, pero tamén polos espíritos de emperadores e nobres deificados logo da súa morte. Deste xeito, en Kumano réndeselles culto aos antepasados, ás divindades e á natureza glorificada, transmutada nun espazo físico-simbólico cargado de sacralidade e misterio. Os camiños das montañas sosteñen o esforzo dos seus devotos, fanse eco dos seus desexos de transcendencia e reciben o respecto cara á memoria dos antepasados, con quen os peregrinos aspiran reunirse na vida futura, á vez que esperan o recordo dos seus descendentes.
A pacífica práctica da peregrinación nestas venerables sendas do Kumano kodo, inscritas en 2004 na lista do Patrimonio Mundial e irmandadas co Camiño de Santiago, retomouse nos últimos anos, de modo que a esta xeografía sacra do País do Sol Nacente acoden cada ano miles de peregrinos procedentes de todo o mundo.