Ad Limina I (2010)
Ad Limina
- Ad Limina I (2010)
- Ad Limina II (2011)
- Ad Limina III (2012)
- Ad Limina IV (2013)
- Ad Limina V (2014)
- Ad Limina VI (2015)
- Ad Limina VII (2016)
- Ad Limina VIII (2017)
- Ad Limina IX (2018)
- Ad Limina X (2019)
Ad Limina (ISSN versión impresa: 2171-620X; ISSN versión dixital: 2659-5885) está incluída nos seguintes índices e bases de datos nacionais e internacionais: DOAJ, SCOPUS, Rebiun, Dialnet, ERIH PLUS, Latindex, MIAR, OCLC-World Cat e Regesta Imperii.
O obxectivo último da revista é o de garantir o futuro das investigacións xacobeas, alicerce fundamental da revitalización das peregrinacións a Santiago que estamos a vivir
Obxectivos e alcance
A revista posúe un carácter multilingüe ‒admite e publica textos nas principais linguas oficiais da Unión Europea‒, así como unha clara vocación interdisciplinar e internacional que lle permite dirixirse a un amplo espectro de investigadores de calquera nacionalidade.
Os contidos de Ad limina agrúpanse arredor de dous eixes: Santiago e a civilización da peregrinación en xeral. A revista propicia a publicación dos estudos que tradicionalmente teñen cabida na maior parte das obras científicas xacobeas, particularmente as investigacións sobre historia, arte, iconografía, literatura, arqueoloxía ou liturxia, pero tamén se intenta promover a presenza de eidos menos frecuentados, como a antropoloxía, xeografía, medicina, lexislación, paisaxismo ou o medio ambiente, que nos últimos anos se foron sumando a este ámbito de estudo. A través da difusión e cobertura dos diversos campos enunciados, a publicación trata de fomentar a investigación xacobea no maior número de áreas posible, cunha especial sensibilidade cara ás novas liñas de investigación.
Ad limina conta cun Consello Editorial, conformado polo seu Director e mais un Consello de Redacción constituído polos membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, así como por un Coordinador, nomeado por ese mesmo Consello de Redacción, que exerce a función de editor científico de cada número. Posúe ademais un amplo Consello Científico, integrado por recoñecidos especialistas de diversas nacionalidades, ademais dun amplo grupo de avaliadores científicos externos ou "referee".
Ao rigoroso control da calidade e carácter inédito dos traballos presentados engádese o respecto ás normas fixadas polos organismos científicos competentes para asegurar o rigor e mérito das obras científicas: a publicación de resumos ou abstracts e listaxes de palabras chave en lingua inglesa, a creación dun portal en rede da revista.
Deste xeito, Ad limina asume o compromiso de acatar e adoptar as normas internacionais para a avaliación e indexación das publicacións científicas, co fin de corresponder a un ulterior control de calidade e, así, estar presente nos principais índices de impacto, como DOAJ e SCOPUS.
O obxectivo último da revista é garantir o futuro das investigacións xacobeas, piar fundamental da revitalización das peregrinacións a Santiago que estamos a vivir.
Consello editorial
- Editor: Turismo de Galicia/S.A. de Xestión do Plan Xacobeo
- Consello de redacción: Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia
- Presidente: Paolo Caucci von Saucken (Università degli Studi di Perugia, Italia)
- Coordinador: Manuel Antonio Castiñeiras González (Universitat Autònoma de Barcelona)
- Vogais: María José Azevedo (Universidade de Coimbra, Portugal); Manuel Antonio Castiñeiras González (Universitat Autònoma de Barcelona, España); Klaus Herbers (Universität Eerlangen, Nürmberg, Alemaña); Fernando López Alsina (Universidade de Santiago de Compostela, España); Segundo L. Pérez López (Catedral de Santiago de Compostela, España); Adeline Rucquoi (Centre de Recherches Historiques, CNRS-EHESS, Francia); Alison Stones (University of Pittsburg, Estados Unidos)
- Consello científico: Mercedes Brea (Universidade de Santiago de Compostela, España); Wendy Childs (University of Leeds, Reino Unido); José Antonio Corriente Córdoba (Universidad Pública de Navarra, España); José Manuel Díaz de Bustamante (Universidade de Santiago de Compostela, España); Josefina Gómez Mendoza (Universidad Autónoma de Madrid, España); Domingo González Lopo (Universidade de Santiago de Compostela, España); George Greenia (College of William and Mary, Virginia, Estados Unidos); Jan van Herwaarden (Erasmus Universiteit Rotterdam, Países Baixos); Humbert Jacomet (Conservateur du Patrimoine, Conservation Régionale des M.H. d´Auvergne, Francia); Gabor Klaniczay (Central European University of Budapest, Hungría); Arlindo de Magalhaes Ribeiro da Cunha (Universidade Católica Portuguesa, Portugal); Antonio Martínez Cortizas (Universidade de Santiago de Compostela, España); Juan Monterroso (Universidade de Santiago de Compostela, España); Antón Pombo Rodríguez (Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, AGACS, España); Francisco Singul (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo); Miguel Taín Guzmán (Universidade de Santiago de Compostela, España); Domenico Vetere (Università degli Studi di Lecce, Italia); Guadalupe Vargas (Universidad de Veracruz, México); Carlos Villanueva (Universidade de Santiago de Compostela, España)
Normas para os autores e control de calidade
Os traballos enviados deberán ser orixinais e inéditos. O Consello de Redacción nomeará en cada número un coordinador de entre os seus membros, ou ben un coordinador convidado (Guest Editor) de recoñecida valía científica no mundo académico, quen se encargará de someter estes orixinais a unha avaliación externa polo sistema de lectura a dobre cego (double-blind review) que lle permitirá ao Consello decidir se procede ou non a súa publicación. A orde de publicación dos artigos aceptados será mormente determinado pola de entrega e avaliación positiva dos textos. As primeiras probas de imprenta serán enviadas aos autores para a súa corrección e estes deberán reenvialas á revista respectando os prazos fixados con anterioridade. As correccións das segundas probas serán realizadas polo Coordinador, de acordo co Consello de Redacción.
Ad Limina non lles cobra ningún tipo de cargo aos autores nin por procesar os seus artigos nin polo seu envío.
Os idiomas aceptados para a publicación dos traballos son o alemán, castelán, francés, galego, inglés, italiano e portugués, e cómpre enviar os artigos, para iniciar o seu proceso de avaliación, ao enderezo: adlimina@xacobeo.org
Os artigos non poden superar os 50.000 caracteres con espazo, e poden incluír ata 20 ilustracións de material gráfico (fotografías, planos, mapas...). Todos os autores deberán achegar un breve resumo cunha extensión máxima de 20 liñas, así como unha serie de palabras chave relativas ao seu contido; ambos os textos serán aceptados na lingua orixinal do artigo e, despois, traducidos polo editor a castelán, galego e inglés.
Todos os traballos entregaranse en soporte informático e en papel, en letra Times New Roman, corpo 12, a un espazo e medio, tanto no texto como nas notas. Todo o material gráfico achegado deberá presentarse en fotografías, transparencias, diapositivas ou soporte dixital (mínimo 300 pp JPG/TIF).
As citas bibliográficas nas notas axustaranse ás seguintes normas: A) Libros: apelidos, seguidos do nome completo ou abreviado en minúscula, o título da obra en cursiva, lugar e ano de edición e o número da p/pp. B) Artigos: apelidos, seguidos do nome completo ou abreviado en minúscula, título entre comiñas, nome da revista en cursiva, tomo, ano e pp. A segunda norma será aplicada ás actas de congresos, misceláneas, obras colectivas, homenaxes, dicionarios e enciclopedias.
Para documentos electrónicos os autores deberán axustarse á Norma ESO 690-2, obtendo a información fonte do propio documento, especificando a data de consulta e seguindo as mesmas pautas descritas para as citas bibliográficas.
As primeiras probas de imprenta seranlles enviadas aos autores para a súa corrección, e estes deberán reenvialas á revista respectando os prazos fixados con anterioridade. As correccións das segundas probas serán realizadas pola Dirección e mais o Consello de Redacción.
No caso de que os textos sexan publicados, os autores recibirán unha copia do seu traballo editado en PDF e 2 exemplares da revista.
Los derechos de reproducción de las imágenes (fotos, planos, dibujos...) publicadas deberán ser tramitados y pagados por los autores de los artículos.
Periodicidade
Ad limina é unha revista científica dirixida a un amplo espectro de investigadores de Santiago e a civilización da peregrinación en xeral que se publica anualmente desde 2010. Preséntase sempre durante o mes de xullo, mes en que se celebra a Festividade do Apóstolo Santiago e o Día de Galicia; esta presentación cadra cunha reunión plenaria do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago (https://www.caminodesantiago.gal/gl/conecemento-e-investigacion/comite-internacional-de-expertos-do-camino).
Declaración ética e política de plaxio
Turismo de Galicia e S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, como editores, velarán por garantir o rigor e a calidade dos traballos presentados baixo un compromiso ético coa comunidade académica. Deste xeito, tomouse como referencia o Código de Conduta que, para editores de revistas científicas, establece o Comité de Ética de Publicacións (COPE: Committee on Publication Ethics):
-Turismo de Galicia e S.A. de Xestión do Plan Xacobeo comprométense a promover unha conduta ética na publicación de Ad limina. Revista de investigación do Camiño de Santiago e as peregrinacións. Así, comprométense a respectar e protexer a privacidade, a confidencialidade e a propiedade intelectual dos autores.
- Ad limina ten un sistema de selección de artigos que son revisados “a cegas” por avaliadores externos ‒anónimos e por pares‒ con criterios baseados exclusivamente na relevancia científica do artigo, orixinalidade, claridade e pertinencia do traballo presentado (valoración externa polo sistema de lectura a dobre cego ‒double-blind review‒). A revista garante en todo momento a confidencialidade do proceso de avaliación, o anonimato dos avaliadores e dos autores.
-O plaxio está terminantemente prohibido; no caso de que se detecte que un traballo foi plaxiado, será eliminado da revista se xa foi publicado ou non se publicará. Os autores garantirán que o artigo e os materiais asociados a el son orixinais ou no infrinxen os dereitos de autor. Así mesmo, garantirán que contan cos permisos de reprodución das imaxes, infografías, ilustracións, etc., que desexen incluír no seu traballo. En todo caso, é a súa responsabilidade última contar coas autorizacións pertinentes para empregar as devanditas imaxes.
- Os autores garantirán a autoría dos documentos que presentan, tanto dos textos como das imaxes. No caso de que o artigo presentado conteña achegas significativas dun ou máis autores, estes deben aparecer como coautores.
-No caso de que o Consello de redacción de Ad limina detecte que un traballo contén inexactitudes, corrixirase de xeito inmediato; por suposto informaráselles aos autores de calquera posible cambio ou suxestión por parte do Consello de Redacción. Os autores participarán do proceso de edición e supervisarán o seu artigo, cando estea maquetado, para que incorporen os cambios que consideren oportunos.
-Os autores poderán presentar todas as súas queixas ou denuncias ante Ad limina a través do correo electrónico adlimina@xacobeo.org
Acceso aberto e dereitos de autor
Ad Limina é unha revista de acceso aberto. Turismo de Galicia e S.A. de Xestión do Plan Xacobeo poñen á disposición do público e de balde a través da páxina web caminodesantiago.gal todos os números publicados de Ad Limina. Deste xeito, os usuarios poden descargar todos os números da revista sen pedir permiso antes.
Desde 2019 Ad Limina publícase baixo unha licenza de uso e distribución Creative Commons Recoñecemento 4.0 (CC BY 4.0) . Esta licenza facilita o acceso sen restricións aos contidos da revista permite a outros distribuír, mesturar, axustar e construír a partir da obra publicada, mesmo con fins comerciais, sempre que sexa recoñecida a autoría da creación orixinal; é dicir, é obrigatorio citar a súa procedencia en calquera reprodución total ou parcial. O que se pretende ao publicar baixo esta licenza é fomentar o intercambio global do coñecemento sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, e acadar así a máxima difusión posible.
Pode consultar a versión informativa e o texto legal da licenza aquí.
O autor do artigo que se entrega para a súa publicación en Ad Limina autoriza a revista para que o publique, sen obriga ningunha (económica ou doutra natureza), tanto en formato papel como dixital, así como en calquera outro medio. Esta cesión de uso do material entregado comprende todos os dereitos necesarios para a súa publicación na revista.
Quedan garantidos, asemade, os dereitos morais e patrimoniais do autor, quen pode establecer por separado acordos adicionais (comerciais ou non) para a distribución non exclusiva da versión da obra publicada na revista (por exemplo, situala nun repositorio institucional ou publicala nun libro), cun recoñecemento expreso da súa publicación inicial nesta revista
Declaración de privacidade
De acordo co Regulamento Xeral de Protección de Datos da Unión Europea (RGPR), infórmase de que os datos persoais que chegan á nosa dirección de enderezo electrónico, adlimina@xacobeo.org, serán tratados exclusivamente para as finalidades indicadas de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais.
Información e redacción:
Turismo de Galicia - S. A. de Xestión do Plan Xacobeo
Estrada Santiago-Noia, km 3, A Barcia, 15897, Santiago de Compostela
adlimina@xacobeo.org
Como podo conseguir Ad limina?
Venda en España:
Libraría Institucional da Xunta de Galicia
- Ad Limina I (2010) PDF / 6098 KB
- Ad Limina II (2011) PDF / 9964 KB
- Ad Limina III (2012) PDF / 20963 KB
- Ad Limina IV (2013) PDF / 6479 KB
- Ad Limina V (2014) PDF / 14939 KB
- Ad Limina VI (2015) PDF / 21305 KB
- Ad Limina VII (2016) PDF / 10237 KB
- Ad Limina VIII (2017) PDF / 7978 KB
- Ad Limina IX (2018) PDF / 28443 KB
- Ad Limina X (2019) PDF / 14856 KB