Camiño Primitivo

Etapa: Castroverde-Lugo

  • Lonxitude 22,1 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 4h 25min
  • Escoita o percorrido da etapa

Nas inmediacións da ruta destaca Soutomerille, unha aldea abandonada cunha igrexa de orixe prerrománica, que aínda conserva nunha xanela unha celosía pétrea da época de Afonso III (séculos IX-X). Estamos a uns 20 km de Lugo e os topónimos con referencias xacobeas acompañarannos todo o tempo.

Castroverde- Santa María de Gondar

  • Lonxitude 9,3 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 50min

Desde Castroverde a ruta continúa por Souto de Torres, San Miguel do Camiño e Vilar de Cas, ata chegar a Soutomerille, onde se poden ver os restos do templo prerrománico do mesmo nome dedicado a San Salvador.

Castroverde - Santa María de Gondar

Santa María de Gondar- Carballido

  • Lonxitude 4,9 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 00min

Xa en Gondar, crúzase o río Romeán, que dá comezo ao territorio do municipio de Lugo. O camiño continúa ata Carballido.

 

Santa María de Gondar - Carballido

Carballido- Lugo

  • Lonxitude 7,9 Km
  • Dificultade Baixa
  • Duración estimada 1h 35min

Unha vez que Carballido e As Casas da Viña quedan atrás, éntrase na cidade máis antiga de Galicia —a Lucus Augusti romana— tras pasar baixo a ponte da Chanca, unha infraestrutura inaugurada en 1880 para o paso do ferrocarril sobre o río Rato que foi, na súa época, unha importante obra de enxeñería ferroviaria.

Ascendemos —pois Lugo está construído sobre un castro— ata chegar á Muralla Romana (s. III-IV), que é Patrimonio da Humanidade desde o ano 2000. Accedemos a través da porta de San Pedro e continuamos por un trazado urbano que nos levará, primeiro, á bela e acolledora Praza Maior, e logo á catedral de Santa María, onde os peregrinos se detiñan a orar ante o Santísimo Sacramento, exposto de forma permanente na basílica desde o século XII.

A Muralla ten 2.140 m de perímetro, un paseo superior (adarve) que a percorre en toda a súa extensión e dez portas de acceso. É o único recinto fortificado romano do mundo que permanece completo.

Lugo ofrécelle ao peregrino, á parte da súa monumentalidade —que abrangue desde a arqueoloxía romana a importantes edificios barrocos—, unha destacada contorna natural de bosques autóctonos nas marxes do río Miño e unha excelente gastronomía.