Camiño Francés

Etapa: O Cebreiro-Triacastela

  • Lonxitude 22,2 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 4h 30min
  • Escoita o percorrido da etapa

O tramo galego do Camiño Francés comeza no Cebreiro, unha aldea de orixe prehistórica situada a 1.300 m de altitude, entre as serras do Courel e Os Ancares.

O Cebreiro- Liñares

  • Lonxitude 4,5 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 55min

Desde o albergue do Cebreiro pódense tomar dúas rutas, un sendeiro que sae desde a mesma porta cara arriba á dereita, ou ben o camiño orixinal, baixando ata a estrada xeral e seguindo por ela ata Liñares (uns 3 km).

 

Liñares- Hospital da Condesa

  • Lonxitude 2,4 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 30min

Unha vez en Liñares, cóllese a ruta sinalizada cara á esquerda, subindo entre as casas ata a igrexa románica. Hai que tomar despois o primeiro sendeiro pedregoso sinalizado cara á esquerda e comezar a ascender sobre Os Ancares. Despois dunha serie de subidas e baixadas pronunciadas, chégase ao alto de San Roque (1.270 metros), onde se atopa unha estatua dun peregrino outeando o val.

Desde este punto, os sinais conducen en paralelo á estrada ata Hospital da Condesa. A entrada no poboado realízase pola esquerda, e séguese logo polo desvío da dereita. Na vila, da que destaca a súa calzada de pedra, hai un albergue.

Liñares - Hospital da Condesa

Hospital da Condesa- Padornelo

  • Lonxitude 2,8 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 35min

Á saída de Hospital, hai unha preciosa igrexa, das típicas da zona, de pedra e dun austero estilo románico. Seguindo o camiño marcado, no que aparecen continuamente frechas amarelas e cada 500 metros marcos que indican a distancia a Santiago, chégase á estrada para camiñar xunto á beiravía, cruzando dous pequenos regueiros antes de tomar un desvío á dereita.

Continúa a ruta por unha pista semiasfaltada paralela ao arroio. Tómase un cruzamento á esquerda e, sen desviarse desta estrada asfaltada, faise entrada en Padornelo.

Hospital da Condesa - Padornelo

Padornelo- Fonfría

  • Lonxitude 3,8 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 45min

Unha vez pasada a  igrexa de San Xoán, co seu campanario e a súa fonte, os sinais conducen a un camiño de pedra que leva, tras unha empinada costa, ata o alto do Poio, o punto máis alto do Camiño Francés (1.337 metros).

Desde alí continúase pola estrada á man dereita, e cóllese o camiño que está sinalicado ata Fonfría; tamén se pode tomar neste pequeno tramo a ruta paralela.

 

Fonfría- O Biduedo

  • Lonxitude 7,2 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 1h 25min

Na saída de Fonfría, o camiño divídese en tres, e hai que continuar polo do medio, por un camiño de lousa que desemboca na estrada, xusto ao comezo do municipio de Triacastela.

Tras uns poucos metros polo asfalto, o camiño métese á dereita cara a unha pista que cruza a estrada e continúa recta ata O Biduedo.

Biduedo- Triacastela

  • Lonxitude 1,6 Km
  • Dificultade Media-Alta
  • Duración estimada 20min

Este último tramo é todo en descenso. Desde O Biduedo sáese pola esquerda e logo continúase por un camiño desde o que se divisa unha espectacular panorámica da Serra do Courel e, en concreto, do monte Caldeirón.

O camiño prosegue baixando por sendas pedregosas ata chegar á entrada de Fillobal, onde é preciso torcer á esquerda e ir seguindo os sinais ata Pasantes e, desde alí, a Triacastela e ao seu albergue.

O Biduedo - Triacastela