O Camiño con nenos
Necesidades especiais
Accesibilidade no Camiño
O Camiño está aberto a todas as persoas e calquera límite ou atranco pode ser superado. O Camiño Francés conta cunha completa guía de accesibilidade.
O Camiño de Santiago é unha opción sempre construtiva, onde cada persoa logra, dalgún xeito, resituarse, relativizar e volver avaliar a súa propia existencia. Neste sentido, é moi significativo que, en 2021-22, 127 persoas conseguisen culminar o Camiño en cadeira de rodas. Ao mesmo tempo, isto reflicte o firme compromiso do Goberno galego de abrir o Camiño a todas as persoas, de dar a posibilidade de que todo o mundo poida acometer esta experiencia e de que poida superar calquera límite ou atranco que pareza imposible de salvar.
En 2014, un centenar de persoas conseguiu culminar o Camiño en cadeira de rodas
Na Guía de accesibilidade do Camiño de Santiago, indícanse as condicións de accesibilidade no Camiño Francés para as persoas con discapacidade en cada un dos albergues que forman a Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia.
Como facer o Camiño con nenos
Os máis novos deben prepararse, igual ca calquera adulto, pero con especial atención á súa complexión física.
Do mesmo xeito ca calquera adulto, os pequenos han de tomar conciencia de que esta experiencia lles esixirá un rendemento. E igual que é necesaria unha adecuada preparación para velos camiñar cunha (pequena e moi lixeira) mochila, tamén é fundamental planificar etapas máis curtas en función da idade dos nosos novos peregrinos.
Unha especial hidratación, protección solar e descanso serán prioritarios na ruta
Debemos consultar a localización dos albergues privados e todos os lugares de descanso que poidan servir de complemento ás etapas e tramos que aquí se propoñen. A hidratación, a protección solar e o descanso serán prioritarios na ruta.
Como facer o Camiño acompañado de animais/mascotas
O Camiño con animais de carga/transporte e/ou mascotas pode ser tan pracenteiro coma complicado.
O Camiño con animais de carga/transporte e/ou mascotas pode ser tan pracenteiro coma complicado. Cómpre salientar que non se admiten mascotas na Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia. Pero, aínda así, é habitual ver que as persoas vaian acompañadas de animais e incluso hai quen peregrina en transportes singulares.
Debemos prever un aloxamento adecuado, pois a rede pública de albergues non admite mascotas.
Isto require que os nosos animais foran adestrados, así como prever un aloxamento adecuado e o total cumprimento da normativa vixente en temas de seguros, hixiene, perigo, etc.
Facer o Camiño en grupo
Fagamos a viaxe só co necesario e teñamos un comportamento cordial e sen urxencias.
É aconsellable facer esta viaxe só co necesario e indispensable, e sempre en función do tempo previsto e da estación do ano na que o abordemos. Ademais, é preciso ter sempre un comportamento cordial e sen urxencias, cun apracible sentido común que nos faga partícipes desta grande experiencia, pois o Camiño sempre foi unha das mellores escolas de civismo, valores humanos e entendemento posibles.
Lembremos que nos albergues da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia non está permitida a reserva e que se ocupan por orde de chegada
Nas Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago en Galicia non está permitida a reserva e ocúpanse por orde de chegada. Teñen prioridade os peregrinos que fan o Camiño a pé, seguidos dos que o percorren a cabalo e en bicicleta. A estancia limítase a unha noite, salvo causa de forza maior.
Así mesmo, hai que ter en conta o custo da manutención, as compras necesarias ou a visita a algún monumento ou lugar significativo, e tamén calquera donativo ou gasto que poida xurdir.