Ethel Vázquez avanza o remate a comezos do verán da mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no Monte do Gozo, cun investimento autonómico de preto de 845.000 euros
- Vázquez Mourelle sinala que a reordenación nesta entorna ata o paso da N-634 sobre a AP-9 verase completada coa intervención entre O Tangueiro e San Lázaro, que está en proceso de adxudicación, e que se agarda ter rematada tamén no próximo verán
- Destaca os 8,6 millóns de euros investidos pola Xunta en obras xa licitadas nos Camiños Francés, Portugués e Inglés para chegar preparados ao Xacobeo de 2021
- Adianta o comezo antes de rematar setembro dos traballos no Camiño Portugués en Conxo, que xunto aos iniciado no Francés e no Portugués no polígono do Tambre, permiten este mes ter xa en obras, actuacións por importe de case 5 millóns de euros
Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe o remate a comezos do verán das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés no Monte do Gozo. Esta actuación que se inicia agora, unha vez pasada a época de maior afluencia para evitar molestias a veciños e peregrinos, ten un prazo de execución de 9 meses e supón un investimento da Xunta de preto de 845.000 euros.
Vázquez Mourelle desprazouse hoxe á zona de traballo para supervisar o comezo destas obras centradas na reordenación da contorna do Camiño Francés na baixada do Monte do Gozo ata o paso da estrada nacional N-634 sobre a AP-9. Actuación coidada, e que compaxinará modernidade, tradición, cultura, identidade e seguridade viaria, e da que destacou a mellora que vai supoñer para os peregrinos e os veciños da zona, ao gañar espazo para as persoas, precisamente cando o Camiño comeza a introducirse na cidade, nunha trama máis urbana.
Detallou os traballos previstos nesta intervención, que comezan co acondicionamento da entorna de capela de San Marcos e a creación dunha nova praza na súa fronte, con árbores de especies autóctonas e con iluminación que resaltará elementos singulares, como a entrada ao adro. A partir do adro da capela, a senda de baixada para os peregrinos atravesará a carballeira existente e continuará o seu trazado paralelo á estrada, separada desta por unha franxa verde.
Xa no núcleo de San Marcos disporase unha plataforma continua de formigón que favorecerá a convivencia de veciños, peregrinos e vehículos e coidando especialmente a zona fronte ás vivendas. E no treito final substituirase as escaleiras por unha pasarela que permitirá salvar o desnivel existente e conectar a rúa do Gozo co paso da N-634 sobre a AP-9.
Explicou que esta intervención, unida ás proxectadas no treito entre O Tangueiro e San Lázaro, e que están en proceso de adxudicación, permitirán completar a mellora do Camiño Francés desde o Monte do Gozo ata San Lázaro. Esta segunda actuación se agarda ter rematada tamén no próximo verán.
A titular de Infraestruturas da Xunta subliñou que se está a traballar de xeito intenso para chegar preparados ao Xacobeo de 2021, impulsando o acondicionamento e posta en valor das entradas dos Camiños en Compostela: actuando sobre os Camiños Francés, Portugués e Inglés, con 8,6 millóns de euros da Xunta en obras xa licitadas.
A Conselleira tamén referiu os grandes avances nestas intervencións. Está en execución estas obra no Monte do Gozo, e desde xuño no Camiño Inglés ao seu paso polo Polígono do Tambre. Ademais, adiantou, que antes de que remate setembro se iniciarán os traballos no Camiño Portugués en Conxo. Polo tanto, neste mes estarán xa en obras actuacións por importe de case 5 millóns de euros.