Feijóo asiste á inauguración da exposición do Mestre Mateo, a primeira mostra que o Museo del Prado dedica a un autor galego
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, asistiu esta tarde á inauguración da Exposición Mestre Mateo, a primeira mostra monográfica que o Museo del Prado dedica a un autor galego.
Comisariada por Ramón Yzquierdo Peiró, cómpre salientar que a mostra, que poderá visitarse desde mañá martes, 29 de novembro, ata o 26 de marzo do ano que vén, permite ver reunidas por primeira vez pezas dispersas do patrimonio do artista que pertenceron a conxuntos e partes da Catedral de Santiago actualmente desaparecidos, como a fachada medieval e o coro de pedra que ocupou a nave central.
Os catro ámbitos temáticos que estruturan a exposición –El Maestro Mateo, La fachada del Pórtico de la Gloria, El coro pétreo de la Catedral e La catedral, Pórtico de Galicia– permitirán realizar un completo percorrido polo traballo do artista na Catedral, desde o ano 1168 ata a consagración do templo en 1211. Ademais de ser unha oportunidade para a recuperación de pezas que precisan traballos de conservación, tales como as estatuas-columna de David e Salomón, da fachada do Obradoiro; e realizar novos estudos e investigacións arredor delas.
A través dunhas pezas escultóricas chegadas despois dunha longa viaxe polo tempo para dicirnos que hai sensacións que nunca perden vixencia, os visitantes poderán ver como a Galicia do século XII era un foco de innovación e cultura cara ao que miraba Occidente, e constatar que o Mestre Mateo –un dos artistas máis relevantes e que deixou unha das pegadas máis duradeiras na historia da arte–, é, polo tanto, un contemporáneo.
Outras novas
-
Tue Apr 28 13:00:00 CEST 2026
Rueda destaca o “crecemento espectacular” do Camiño Portugués da Costa, que multiplicou a súa afluencia na última década
-
Sun Apr 26 14:00:00 CEST 2026
O circuíto da Xunta ‘Cultura no Camiño’ chegará este verán a 90 concellos das rutas xacobeas