22/abr/2010

Faite eco-peregrino

Os peregrinos xogan un papel fundamental na conservación do Camiño. Se fai pouco facíamos referencia ao plan de reforestación na Ruta Xacobea, hoxe lembrámosvos outra campaña para promover as actitudes respectuosas co patrimonio natural e cultural do Camiño.

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxia de Galicia) publicou unha Guía de Boas Prácticas Ambientais do Camiño de Santiago e unha ficha de denunciapara que poidades enviar as vosas observacións sobre agresións e impactos no percorrido, así coma os comentarios e suxestións para mellorar aquelas cuestións de incidencia ambiental na Ruta.

A intención é facer do Camiño de Santiago unha vía de sustentabilidade.

A guía, ofrece prácticos consellos e información ambiental de utilidade. Ten un pequeno formato adaptado para camiñantes que precisan as mans libres, e desenvólvese en varios epígrafes:

  1. O lixo. 
  2. As especies vexetais e animais do Camiño. 
  3. As pedras do Camiño. 
  4. A paisaxe. 
  5. A auga. 
  6. O patrimonio cultural e arquitectónico. 

Faise tamén unha pequena referencia xeral ao contorno do Camiño: montañas, vales, ríos, estradas, vilas, transporte, albergues, comida… O protagonista desta guía é o eco-peregrino, simbolizado por unha vacaloura, insecto ameazado e en perigo de desaparición.

Podedes atopar esta guía nos locais asociados ao Xacobeo en Galicia nos seguintes idiomas: galego, español, portugués e inglés. A vosa solidariedade é fundamental para manter o patrimonio natural e cultural do Camiño.