Falece Jeannine Warcollier, secretaria xeral da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle, a primeira asociación de amigos do Camiño de Santiago creada no mundo
O pasado sábado faleceu Jeannine Warcollier, secretaria xeral da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle, a primeira asociación de amigos do Camiño de Santiago creada no mundo en 1950 e na que ingresou en 1958. Entusiasta e infatigable traballadora, ás veces de xeito oculto, durante décadas a prol do Camiño de Santiago dende Francia, valedora dos peregrinos, anfitrioa excepcional de cantos procuraban información, animadora do asociacionismo xacobeo en Francia, etc.
Recoñecida como unha referencia do mundo xacobeo, o pasado ano foi convidada a pronunciar a conferencia inaugural do Primeiro Encontro Mundial en Galicia de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, celebrado do 4 ao 6 de xuño en Compostela, en recoñecemento á súa longa traxectoria a favor da difusión do Camiño de Santiago. Naquel relatorio afirmou que “O Camiño de Santiago é o camiño da concordia”. Retornou a Santiago para a celebración do “Jour de la France” en agosto pasado.
En Galicia foi distinguida coa Medalla de Galicia na súa categoría de prata (1999) e a Mención especial do Premio Elías Valiña (2012).
Descanse en paz e bo Camiño!