Turismo de Galicia leva á Provincia de Badaxoz a exposición “O Camiño de Santiago. Unha visión dende Oriente"
Turismo de Galicia, a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, inaugurará o próximo venres día 21 de marzo na localidade de Castuera (Badaxoz) a exposición fotográfica O Camiño de Santiago, unha visión dende Oriente, do fotógrafo xaponés Tomohiro Muda.
A inauguración terá lugar na Casa da Cultura, na rúa Gabriel y Galán da vila e permanecerá ata o 31 de marzo. O horario de visitas será todos os días de 18 a 21 horas. Na organización colabora o concello de Castuera e a Asociación de Amigos del Camino Mozárabe de Santiago de Badaxoz.
Tomohiro Muda é un fotógrafo xaponés que peregrinou dúas veces a Santiago de Compostela fotografando o Camiño e ofrecendo así a súa propia visión por medio dunha exquisita colección de fotografías realizadas nun expresivo branco e negro. Muda declárase amante do románico francés e sobre todo do español, de Santiago de Compostela e da peregrinación xacobea.
Tomohiro Muda naceu en 1956 na Prefectura de Nara, en Xapón. En 1982 empezou a súa carreira como fotógrafo independente. En 1988 presentou a súa primeira exposición, A Terra de Sherpa, con fotografías realizadas na localidade de Sherpa, no Himalaia. Máis tarde viaxou por todo o mundo tomando imaxes de arte xaponesa, románica e bizantina, así como tamén de ruínas budistas e pintura rupestre china, no Borobudur, Angkor e Ajanta. Estas reuníronse baixo o tema Espazos de oración, formas de oración, en exposicións fotográficas e publicacións.