O Xacobeo asina un convenio con Repsol para a plantación de árbores autóctonas nos camiños Francés e Portugués
A S.A. de Xestión do Plan Xacobeo asinará o sábado día 11 de febreiro ás 12.00 h. no concello de Portomarín un convenio de colaboración coa empresa Repsol para a plantación de árbores autóctonas nos Camiños Francés e Portugués.
A continuación da firma, traballadores voluntarios desta empresa trasladaranse á zona sinalada e procederán á plantación, principalmente de loureiros, nun tramo duns 3 quilómetros do Camiño Francés. A seguinte actuación terá lugar no concello de Caldas de Reis o próximo día 25 de febreiro, onde se plantarán carballos e castiñeiros nun tramo do Camiño Portugués.
O obxecto destas plantacións é formar pantallas vexetais de xeito que palíen o impacto visual das estradas próximas aos Camiños ao tempo que serven de protección aos peregrinos.
Este convenio enmárcase dentro da estratexia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo de involucrar a empresas privadas na divulgación, conservación e mantemento dos Camiños de Santiago.