Vista aérea de Santiago, co “pulmón verde” da Alameda en primeiro termo
Santiago en verde
Santiago de Compostela é unha das cidades da Península Ibérica con máis metros cadrados de parques e xardíns por habitante. Sorprenden as zonas verdes da Alameda e o seu bosque de carballos, o seu principal emblema.
Os amantes da natureza contan con moitos atractivos. Unha vintena de parques e xardíns que constitúen un verdadeiro cinto verde. Os ríos Sar e Sarela circundando a cidade e, no alto, o monte Pedroso.
Camiño abaixo ábrese o Campus Vida ou Campus Sur, sempre animado por estudantes e veciños, que nos dirixe a outro dos lugares máis emblemáticos de Compostela, a Carballeira de San Lourenzo, con exemplares centenarios ao pé do mosteiro homónimo. E se seguimos a propia ruta do Camiño xacobeo a Fisterra e Muxía, toparémonos coas sendas do río Sarela, afluente do Sar, que abrangue varios quilómetros ao suroeste da cidade.
Os amantes da natureza contan con outros moitos atractivos. Unha vintena de parques e xardíns que constitúen un verdadeiro cinto verde. Entre eles, o parque de San Domingos de Bonaval, un antigo cemiterio transformado polo arquitecto Álvaro Siza e a paisaxista Isabel Aguirre; o parque de Galeras e a súa prolongación na leira do Espiño, ao pé do río Sarela; os xardíns e a lagoa ao redor do Auditorio de Galicia, denominados parque Música en Compostela e leira de Vistalegre; o parque Eugenio Granell, ao leste, nas marxes do río Sar, ou o parque de Belvís, nunha antiga zona de hortas, algunhas hoxe reactivadas.
A só uns tres quilómetros da catedral, o monte Pedroso vixía a cidade desde a súa grande atalaia, que proporciona unhas panorámicas espectaculares. Na súa faldra leste, sitúase a Granxa do Xesto, con servizo de restauración e parque infantil moi preto, e a Selva Negra, máis indómita; en definitiva, dous grandes espazos de lecer en plena natureza. Quilómetros de sendas para camiñar, correr, practicar bicicleta de montaña e respirar o aire máis puro.
O último gran “pulmón” verde que incorporará a cidade a inicios do 2016 é o chamado Bosque de Galicia, no monte Gaiás, onde se construíu a Cidade da Cultura. Varios quilómetros de carreiros e a plantación de especies arbóreas autóctonas completan esta riqueza natural de excepción.