A ría de Lires conta cunha importante riqueza ornitolóxica e notables mostras de arquitectura popular e relixiosa. Logo de cruzarmos o río Lires seguimos a ruta polas aldeas da Canosa, Padrís e Castrexe. Atoparemos un tramo moi fermoso, todo el por encaixadas corredoiras que penetran no monte.
Desde Castrexe o Camiño avanza, co mar omnipresente, entre aldeas, bosques e cultivos de millo. Pasamos a carón da praia do Rostro, que aparece entre piñeirais. Seguimos por Buxán e entramos no val de Duio. Desde a parroquia de San Martiño de Duio, cuxo templo quizais remita á desaparecida cidade romana Dugium, citada no Libro III do Códice Calixtino, subindo e baixando por pistas e bosques, chegamos á vila de Fisterra.