Muralla romana de Lugo, no Camiño Primitivo
De fenómeno relixioso a experiencia cultural
O Camiño de Santiago e a construción de Europa
O fenómeno das peregrinacións axiña se converteu en verdadeira columna vertebral de Europa e, pola súa vez, Santiago nun gran centro de peregrinación, xunto a Roma e a Xerusalén.

O descubrimento da tumba do apóstolo Santiago o Maior, ao redor dos anos 820 e 830, nun bosque chamado Libredón e onde hoxe se alza a catedral compostelá, constitúe un dos acontecementos máis importantes da Idade Media en Europa.
O Camiño de Santiago é Patrimonio da Humanidade en tres das súas rutas: Camiño Francés (desde 1993), Camiño do Norte de España "Camiño Primitivo e Camiño do Norte" (desde 2015)
A noticia da aparición dos restos de Santiago percorrerá veloz o continente e axiña xurdirá, de forma espontánea, o fenómeno das peregrinacións e o inicio dun culto que converteu o Camiño en verdadeira columna vertebral de Europa e, pola súa vez, a Santiago de Compostela nun gran centro de peregrinación cristiá, xunto a Roma e a Xerusalén.
Son 1.200 anos de historia, con meta en Santiago de Compostela, capital da Comunidade Autónoma de Galicia. O seu centro histórico foi declarado pola UNESCO en 1985 Patrimonio da Humanidade e, en 1987, o Consello de Europa recoñeceu o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.
No ano santo de 1993, o Camiño Francés foi declarado Patrimonio da Humanidade; en 2004, recibiu o Premio Príncipe de Asturias da Concordia e, no verán de 2015, o Camiño Primitivo e o Camiño do Norte sumáronse ao Francés, ao seren recoñecidos tamén pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, o máximo recoñecemento que pode recibir un ben cultural.
O Camiño como vía de difusión cultural
Foi unha verdadeira “autovía do coñecemento”, un ente difusor dos grandes movementos culturais e artísticos que ían xurdindo por Europa.

O Camiño de Santiago desempeña desde a Idade Media un papel clave no desenvolvemento das diferentes culturas que integran a identidade europea. Uns sinais de identidade labrados nun espazo común, cargado de memoria e asucado por unha rede de rutas xacobeas que serve para a comunicación e o intercambio e, en definitiva, para o fluxo de ideas, formas e proxectos.
As igrexas románicas, as catedrais góticas, a lírica medieval das cantigas ou a épica das cancións de xesta xurdían ao pé do Camiño
Esta viaxe colectiva pola historia e pola cultura, xurdida da forza da devoción e das crenzas espirituais, xerou durante séculos unha serie de formas culturais propias, enraizadas na tradición occidental, que serven nos nosos días de inspiración e memoria.
Foi unha verdadeira “autovía do coñecemento”, un ente difusor dos grandes movementos culturais e artísticos que ían xurdindo por Europa: as igrexas románicas, as catedrais góticas, a lírica medieval das cantigas ou a épica das cancións de xesta. E tamén foi unha demostración incomparable da solidariedade humana.
Camiñar cara ao oeste por unha ruta con doce séculos de historia e deixar atrás hábitos e rutinas é hoxe, coma nos albores da peregrinación, unha conxunción de sacrificio e recompensa que transforma a quen o experimenta polo menos unha vez na vida.