Paulo Almeida Fernandes
 
  Paulo Almeida Fernandes (Lisboa, 1974) é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Coimbra; máster en Arte, Patrimonio e Restauración; e licenciado en Historia, especialidade de Historia da Arte, ambos pola Facultade de Letras da Universidade de Lisboa. 
Membro integrado do Instituto de Historia da Arte da Universidade Nova de Lisboa e colaborador do Centro de Estudos de Arqueoloxía, Artes e Ciencias do Patrimonio (Universidade de Coimbra) e do Instituto de Estudos Medievais (Universidade Nova de Lisboa). 
Foi vicepresidente da Asociación Portuguesa de Historiadores da Arte entre 2009 e 2011, e actualmente coordina o Servizo de Inventario e Investigación do Museo de Lisboa. 
Profesor asistente convidado de Historia da Arte Medieval na Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade Nova de Lisboa. Os seus intereses inclúen o estudo da Idade Media e Lisboa, pero tamén o Camiño de Santiago. Sobre este último tema foi relator da proposta de inscrición dos camiños de peregrinación portugueses a Santiago de Compostela na lista indicativa presentada por Portugal á Comisión Nacional da UNESCO (2015) e asesor científico do Proxecto de Valorización Cultural e Turística do “Camiño de Torres” (2016 -2021).
Ademais de artigos da súa especialidade e de participar en congresos nacionais e internacionais sobre o culto a Santiago en Portugal, é autor dos libros: 
-Caminhos de Santiago (Secretariado Nacional para os Bens Culturais da Igreja e Turismo de Portugal, 2014)
-Guia dos Caminhos de Santiago (Porto Editora, 2018)
-El Camino de Torres. Historia de un Camino. Un Camino en la Historia (Consórcio de Comunidades Intermunicipais do Douro, Tâmega e Sousa, Ave, Cávado e Alto Minho, 2021). 
 
  
                                     
                                     
                                     
                                     
                                    