Manuel Castiñeiras González

Manuel Antonio Castiñeiras González (A Coruña, 1964) é catedrático (CL) de Historia da Arte Medieval na Universitat Autònoma de Barcelona, onde foi director do Departamento de Arte e Musicoloxía (2014-2017) e profesor agregado entre 2010 e 2018. Anteriormente foi conservador e xefe da Colección de Arte Románica do Museu Nacional d’Art de Catalunya (Barcelona) (2005-2010) así como profesor titular de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela (1997-2005).
Ademais en 2012 foi Visiting Professor no Department of History of Art da University of Pennsylvania (EE. UU) e Fellow da Japan Society for the Promotion of Science (JSPS) na Nagasaki Junshin Catholic University. Recentemente foi Samuel H. Kress Senior Fellow no Center for Advanced Study in the Visual Arts (CASVA) na National Gallery de Washington (EE. UU), durante o ano académico 2017-2018.
As súas investigacións céntranse fundamentalmente no estudo do románico, especialmente en temas de iconografía así como da peregrinación xacobea, sendo un recoñecido especialista na catedral de Santiago. Con todo, nos últimos anos expandiu o seu campo de estudo a temas do Mediterráneo Medieval, a peregrinación a Terra Santa e os contactos entre o mundo latino e Bizancio. Entre os seus libros destacan: El calendario medieval hispano. Textos e imágenes (siglos XI-XIV), Junta de Castilla y León, Salamanca, 1996; Introducción al método iconográfico, Ariel, Barcelona, 1998; El Pórtico de la Gloria, Madrid, 1999; A vieira en Compostela, a insignia da peregrinación xacobea, Santiago, 2007; El Románico en las colecciones del MNAC (con Jordi Camps), Lunwerg, Barcelona, 2008; El Tapiz de la Creación de Gerona, Girona, 2011; El Camí de Peregrinació a Santiago i el culte a la Mare de Déu en el Romànic, Besalú, 2013 (publicación dixital: Síntesi. Quaderns dels Seminaris de Besalú, 1, 2013, pp. 1-125); Pintar fa mil anys. Els colors i el ofici del pintor romànic, Bellaterra, UAB, 2014, (con Judit Verdaguer), Galicia e os Camiños de Santiago, Xunta de Galicia, 2016; Entre la letra y el pincel: el artista medieval. Leyenda, identidad y estatus, El Ejido, Almeria, 2017; ROMANESQUE PATRONS AND PROCESSES. Design and Instrumentality in the Art and Architecture of Romanesque Europe, eds. Jordi Camps, Manuel Castiñeiras, John McNeill, Richard Plant, Routledge, New York, 2018.
Foi tamén comisario de grandes exposicións internacionais como O románico e o Mediterráneo. Cataluña, Toulouse e Pisa, 1120-1180, MNAC, 2008 (en colaboración con J. Camps) e Compostela e Europa. A historia de Diego Xelmírez, organizada polo Xacobeo en París, Roma e Santiago e acompañada dun magnífico libro-catálogo editado por Skira (Milán, 2010).
É membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago da Xunta de Galicia, Overseas Representative en España para a British Archeological Association, e Associé correspondant étranger da Société Nationale deas Antiquaires de France, con sede no Musée du Louvre.
Nos últimos anos dirixiu, como investigador principal, os proxectos de investigación do MICINN: Artistas, Patróns e Público. Cataluña e o Mediterráneo (s. XI-XV) – MAGISTRI CATALONIAE (HAR2011-23015), e Mobilidade e transferencia artística no Mediterráneo Medieval: artistas, obxectos e modelos – Magistri Mediterranei (HAR2015-6388-P) (www.magistrimediterranei.org); actualmente é o investigador principal do Grupo de Investigación Consolidado da Generalitat de Catalunya: MAGISTRI CATALONIAE – Estudis culturals da Mediterrània Medieval (s. XI-XV) (SGR 2017-231). Neste contexto foi un dos organizadores da III International Romanesque Conference da British Archeological Association, Romanesque Art: Patrons and Processes (Museu Nacional d’Art de Catalunya, Barcelona, 7-9 abril 2014) e director científico do I Simposi Internacional Magistri Cataloniae: Artista anònim, artista amb signatura. Identitat, status i rol de l’artista en l’ art medieval, Universitat Autònoma de Barcelona – Museu Episcopal de Vic (7-8 novembro 2014).
É o coordinador/editor de Ad Limina. Revista de Investigación do Camiño de Santiago e das Peregrinacións desde 2015, e na actualidade prepara, xunto á profesora Grazia Maria Fachechi, a publicación Il tempo sulla pietra. A raffigurazione dei mesi nella scultura medievale, Roma, Gangemi Editore (“Chiaroscuro. Ricerche dei storia e storia dell’arte”, 3).
- Manuel Castiñeiras González PDF / 290 KB