Para realizar o Camiño de Santiago é aconsellable prepararse previamente mediante exercicios de ximnasia que axuden a tonificar os músculos e a lles dar elasticidade, sobre todo aos das pernas, aos das costas e aos do pescozo.
Rutinas e exercicios recomendables antes de facer o Camiño
Comezaremos con paseos curtos por terreos chairos e, progresivamente, iremos aumentando quilómetros e variando o tipo de terreo, para adaptar o noso corpo ao que iremos atopar no Camiño.
O comezo da marcha debe ser sempre suave e rítmico, e só unha vez que o corpo queza poderemos aumentar a intensidade de maneira gradual. Unha vez alcanzado o nivel de esforzo acorde coa nosa capacidade, a marcha debe manterse regular e continua.
Como preparar os xeonllos, os tendóns e mais os pés
Para minimizar o risco de lesión do tendón de Aquiles, na preparación ou adestramento previo para facer o Camiño non se debe esquecer realizar exercicios que favorezan a estirada deste tendón, cun aumento progresivo da intensidade.
Que esforzo che requirirá faceres o Camiño en bicicleta
Para as persoas que non estean afeitas a realizaren percorridos en bicicleta, e en función da distancia proposta para cada etapa, será necesario un adestramento previo durante arredor de dous meses.
Unha mochila correctamente cargada para este tipo de actividade non debe exceder os 10 kg de peso. Cando se adquira a mochila, debemos observar así mesmo que conte con sistemas de protección nas correas que impidan as rozaduras na pel.
Cousas que vas necesitar e que poida que non atopes no Camiño
Un saco de durmir, calzado para o descanso, unha cantimplora, crema con protección solar alta, unha pequena caixa de primeiros auxilios, un móbil con cargador e documentación son algúns dos elementos básicos que debemos levar no Camiño.
O calzado debe ser cómodo e ha de estar adaptado xa ao noso pé. Un calzado novo e recio acabaría por magoarnos nada máis comezar a camiñada. É preferible usar botas de trekking ou de montaña, aínda que dependendo das condicións climatolóxicas pode usarse outro tipo de calzado que sexa específico para camiñar.
Durante as paradas puntuais que se fagan ao longo da camiñada aproveitarase para beber e comer algo en cantidades pequenas, pero suficientes, para repoñer forzas. Para aliviar o cansazo e a tensión das extremidades inferiores, sobre todo dos pés, poderemos afrouxar lixeiramente o calzado e repousar cos pés no alto.
As paradas para apreciar o ámbito paisaxístico, monumental ou cultural axudarannos a despexar a mente e facilitarán a relaxación, o que nos permitirá intensificar o ritmo na seguinte etapa.