Pórtico da Gloria, na Catedral de Santiago
Un paseo a pé polo Santiago xacobeo
A catedral e a Praza do Obradoiro
A cidade de Santiago naceu e creceu ao redor do sepulcro do apóstolo. O debuxo das súas rúas e prazas, a súa toponimia e os principais monumentos —emerxidos do epicentro que marca a catedral— son testemuñas diso. Todo nos fala do Camiño. En cada recanto histórico pálpase o pulo xacobeo.
Trazamos un breve paseo a pé por algúns dos lugares xacobeos máis significativos de Compostela, empezando pola catedral e as prazas que a rodean e abrindo logo o círculo ata os barrios dos arredores.
A Catedral de Santiago de Compostela, consagrada no ano 1211, é unha das obras máis sobresaíntes da arte románica europea. Foi construída para recibir os peregrinos que chegaban de todo o continente co fin de lles render culto aos restos do apóstolo Santiago, custodiados no seu interior. O seu Pórtico da Gloria é unha das xoias da arte universal. Obra do mestre Mateo, nel plasmou a súa visión do Apocalipse, nunha construción inigualable tallada sobre o granito.
A arte, a historia e a espiritualidade maniféstanse en cada un dos espazos do templo. Aos máis coñecidos sumáronse na actualidade as escavacións do seu subsolo, que inclúen unha necrópole romana, ou a visita ás cubertas.
Á beira da gran basílica atópase o Pazo de Xelmírez, o edificio civil mellor conservado da España medieval. Trátase da morada do primeiro arcebispo de Santiago, Diego Xelmírez (século XII). Nel destaca o seu impoñente Salón de Cerimonias.
Ao oeste da Praza do Obradoiro álzase o Hospital Real, que é o actual Parador Hostal dos Reis Católicos. Foi construído no século XVI precisamente para acoller os peregrinos.
Detrás do Pazo de Raxoi, á esquerda da igrexa de San Frutuoso, debúxase hoxe un acolledor labirinto de buxo rodeado de cipreses e hortas, cunhas magníficas vistas cara á Alameda. Nada nos remite ao gran cemiterio de peregrinos da cidade, que se mantivo precisamente aquí ata o século XVIII.
Polas prazas e rúas ao redor da catedral
Rodeemos a catedral e camiñemos polas prazas e rúas que medraron ao seu abeiro.
 
  Continuamos agora, camiño arriba e en sentido contrario, pola Praza da Inmaculada, fronte á que hoxe se alza o gran mosteiro de San Martiño Pinario. No soar desta praza existiu, ata o século XVI, o Hospital de Santiago, citado no Códice Calixtino (século XII). Nel dábaselles asistencia aos peregrinos.
A rúa do Franco, que concentra o maior número de establecementos de restauración da cidade e un ambiente animado durante todo o ano, débelles o seu nome aos estranxeiros, os francos, que aquí comezaron a asentarse xa desde o século XI. Chegaban, moitos deles, en peregrinación.
E na emblemática Praza da Quintana, baixo a Torre do Reloxo (que se ilumina nos anos santos), e tamén a escasos metros da Porta Santa, unha curiosa sombra nocturna traza sobre a pedra o perfil exacto dun misterioso peregrino. Calquera podería imaxinar aquí a alma errante dun devoto...
A toponimia é, por outra banda, un eco escrito, a través dos séculos, de todo este fenómeno. É o caso da Porta do Camiño, onde remataba o Camiño Francés. Ou as rúas que evocan os vellos oficios, como a Rúa da Acibechería, onde o negro acibeche era o protagonista, apreciado desde antigo polos peregrinos, e que segue presente e demandado en comercios e xoierías da zona; ou a Rúa dos Concheiros, en referencia ao gremio compostelán que vendía cunchas, naturais e manufacturadas; ou tamén a Praza das Praterías, onde se traballaba o prezado metal e, de feito, aínda hoxe se segue facendo.
A Rúa do Franco, que concentra o maior número de establecementos de restauración da cidade e un ambiente animado durante todo o ano, débelles o seu nome aos estranxeiros, os francos, que aquí comezaron a asentarse xa desde o século IX. Chegaban, moitos deles, en peregrinación.
Como prolongación á Rúa do Franco temos a Rúa da Raíña, en honra á estancia da raíña Santa Isabel de Portugal, esposa do rei Don Dinís, que peregrinou a Santiago no século XIV. Santa Isabel quixo ser enterrada en Coimbra cos atributos de peregrina.
Dúas fermosas igrexas románicas sáennos ao paso nas inmediacións. Por unha banda, a de Santa María Salomé, única igrexa española dedicada á nai dos apóstolos Santiago o Maior e o seu irmán san Xoán Evanxelista e, por outra, o templo de San Fiz de Solovio, ao pé do concorrido Mercado de Abastos. Neste alto moraba no século XI o ermitán Paio, o primeiro que viu as luces que revelaron onde estaba o corpo de Santiago.
Os barrios históricos
Barrios históricos de Santiago como Conxo, Sar, San Lázaro ou San Pedro están fortemente vinculados á peregrinación.
E chegamos aos barrios dos arredores da cidade, a menos de 15 ou 20 minutos a pé desde a catedral. A pegada xacobea maniféstase de novo: ao sur, no mosteiro de Santa María de Conxo, unha das entradas do Camiño Portugués, orixinario da época do arcebispo Xelmírez; ao leste, na colexiata de Santa María de Sar, pórtico da Vía da Prata; ao norte, no convento de San Domingos de Bonaval, cuxo nome procede da peregrinación que, segundo a tradición, faría Santo Domingo de Guzmán cara ao ano 1219; e, na entrada do Camiño Francés, o barrio de San Lázaro, en primeiro lugar, e logo o xenuíno barrio de San Pedro.
Non importa a ruta que emprendamos. Todas naceron e creceron baixo o impulso e o imán da peregrinación.
 
  
                                     
                                     
                                     
                                     
                                    