A Xunta lanza un novo produto para diversificar o Camiño de Santiago no horizonte do Xacobeo 2027
- O director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago da S.A do PlanXacobeo presenta en Fitur esta nova iniciativa
- Amósanse pequenos tesouros descoñecidos nos distintos itinerarios, desde igrexas, castelos, pontes, camiños medievais, dólmenes illas ou castros
Madrid, 24 de xaneiro de 2024
A Xunta de Galicia vén de poñer en marcha un novo produto turístico que busca diversificar e promover todos os itinenarios do Camiño de Santiago co propósito de repartir a peregrinación polas diferentes rutas no horizonte do Xacobeo 2027.
O director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, presentou hoxe na Feira Internacional de Turismo, Fitur, o produto Os 27 lugares con encanto de 2027, unha escolma que reúne diferentes recursos e monumentos menos coñecidos.
A guía amosa eses pequenos ‘tesouros’ e lugares con encanto distibuídos polas catro provincias e os itinerarios xacobeos. Inclúense, por exemplo, A Igrexa de San Xoán (Pedrafita do Cebreiro), no Camiño Francés; A Pobra de Burón (A Fonsagrada), no Camiño Primitivo; o Santuario de Arante (Ribadeo), no Camiño do Norte; Ponte das Febres (Tui), no Camiño Portugués; San Martiño de Xubia (Narón), no Camiño Inglés ou A Ponte de Vilanova (Allariz), na Vía da Prata, entre outros moitos.
Trátase, como indicou Ildefonso de la Campa, dun produto que é unha pequena mostra dos Camiños xacobeos que percorren Galicia ao longo de máis de 1.500km. “27 lugares nos que pararse, desfrutar da beleza da pedra, da paisaxe, da historia e dunha contorna natural que enmarca e acompaña o paso do peregrino”, dixo.
Dispoñible na páxina web
Inclúense desde igrexas, castelos, pontes, caminos medievais, dólmenes, ferrerías, illas e castros “que envolven ao peregrino e ao visitante na contorna máxica dunha terra máxica, unhas maravillas agochadas que é importante coñecer”, indicou. Está dispoñible para a súa consulta na páxina web de Turismo de Galicia.
Galicia continúa a amosarse estes días desde o expositor institucional da Xunta de Galicia de Fitur con presentación como esta. Ata o domingo sucederase a actividade nun expositor no que Galicia aposta por consolidarse como un destino de calidade, sustentable, diferenciado e respectuoso e todas estas actividades levaranse a cabo no renovado expositor ao redor da auga.
A programación completa da actividade profesional no expositor da Xunta de Galicia está dispoñible na páxina de Turismo de Galicia, desde onde tamén se poderán seguir en directo en streaming algunhas das actividades programadas.
Outras novas
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’
-
Wed Mar 11 14:00:00 CET 2026
A Xunta inviste 50.000 euros na rehabilitación da ponte municipal da Áspera en Sarria no Camiño Francés