O conselleiro de Cultura agradece ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago o labor de manter vivo o “rico patrimonio cultural e histórico” da Ruta Xacobea
- Destaca o seu “esforzo colectivo para reforzar os valores da peregrinación e contribuír a que sexa máis universal, aberta, dialogante e hospitalaria”
- Recibiron o recoñecemento as asociacións Pulchra Leolina e Círculo Chileno, mentres que a norteamericana Rebekah Scott obtivo a mención especial
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, agradeceu hoxe ás distintas asociacións de amigos do Camiño de Santiago o seu labor por manter vivo “o rico patrimonio cultural, histórico e espiritual” da Ruta Xacobea. Así o manifestou durante o acto de entrega dos XXIII Premios Elías Valiña, o recoñecemento co que a Xunta galardoa o esforzo revitalizador do Camiño de Santiago por estas entidades sen ánimo de lucro e que este ano recaeu na asociación Pulchra Leonina e no Círculo Chileno. Pola súa banda, Rebekah Scott, figura destacada entre os peregrinos de fala inglesa, recibiu unha mención especial.
Sobre os premiados, o titular de Cultura da Xunta gabou a tarefa “na recuperación de camiños inexistentes e coidado dos peregrinos” da asociación leonesa Pluchra Leonina así como o papel decisivo do Círculo Chileno de Amigos del Camino por “fomentar a figura do Apóstolo no seu país e no continente latinoamericano”. Tamén tivo palabras para a norteamericana Rebakah Scott que, tras unha viaxe de xornalistas a Santiago, decidiu trasladarse a España e fundar un albergue en Palencia “desde o que se está a facer un importante traballo para reivindicar a natureza espiritual do Camiño e a súa maxia única”.
Divulgación da peregrinación
Román Rodríguez sinalou, ademais, a importancia destes recoñecementos, que cumpren a súa 23 edición, para poñer en valor o labor de colectivos da sociedade como estes para reforzar e divulgar os valores da peregrinación e contribuír “a que sexa máis universal, aberta, dialogante e hospitalaria seguindo os pasos do propio Elías Valiña”.
Outras novas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado