O programa Xacobeo Xove ponse en marcha en xullo con descontos de ata 200 € á mocidade en establecementos turísticos do Camiño
- O obxectivo do programa é fomentar as rutas xacobeas como experiencia turística para a xuventude galega
- As axencias de viaxes galegas ofertarán paquetes turísticos para as persoas usuarias do Carné Xove, aquelas con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2023
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a posta en marcha en xullo do programa Xacobeo Xove que ofrecerá descontos de ata 200 euros como máximo á mocidade galega para cubrir gastos en aloxamento e manutención en establecementos turísticos do Camiño, co obxecto de fomentar as rutas xacobeas entre as novas xeracións.
Rueda puxo en valor que o Camiño é unha experiencia que atrae a xente de calquera idade e, como mostra, apuntou a que, segundo os datos das compostelas que manexa na actualidade a Oficina do Peregrino “un terzo dos camiñantes que chegan a Compostela teñen menos de 30 anos”. Por iso, defendeu estes paquetes -que serán ofertados exclusivamente a través de axencias de viaxes- para “animar os máis mozos e mozas a desfrutar da experiencia única que supón percorrer a ruta xacobea”.
Para iso, o Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o proxecto de acordo que autoriza a subscrición do convenio entre a Axencia de Turismo de Galicia, a Conselleria de Política Social e Xuventude, a Asociación Clúster Empresarial de Turismo de Galicia, a Asociación de Axencias de Viaxes de Galicia, a Asociación de Turoperadores receptivos de Galicia e a Asociación Provincial de Axencias de Viaxes de Pontevedra.
Rueda precisou que o Xacobeo Xove vai dirixido aos mozos e mozas que teñan o Carné Xove -é dicir, con idades comprendidas entre os 18 e 30 anos- e serán comercializados polas axencias de viaxes minoristas e incluirán un prezo especial cun desconto de 200 euros sobre o seu custo total, “co que se cubriría entre o 40 % e o 50 % destes gastos”, calculou o mandatario galego.
O presidente da Xunta indicou que a esta campaña, que terá vixencia ata o 31 de decembro, destínanse un millón de euros, polo que adiantou que “o obxectivo é que chegue a uns 5.000 mozos e mozas”.
Outras novas
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado
-
Wed Mar 25 20:00:00 CET 2026
A Xunta abre o prazo para que a cidadanía, empresas e entidades presenten iniciativas no programa ‘O Teu Xacobeo’