Feijóo apela a conservar a vixencia dos valores do Camiño que ao longo da historia guían á nosa sociedade inspirando a convivencia
- O titular da Xunta participou esta tarde no acto de apertura da XXIII Edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, baixo o título 'Camino de Santiago: camino de paz y justicia'
- Garante o compromiso da Xunta coa modernización da Administración de Xustiza, a través de medidas que faciliten o labor de todos os seus traballadores e ofrezan aos cidadáns un servizo eficiente
- Resalta que este ano culminarase a Cidade da Xustiza de Vigo e sinalou que se iniciará a construción dunha sede propia do Instituto de Medicina Legal de Galicia
- Recordou tamén que xa se teñen implantado 20 salas dixitais coa previsión de sumar outras 66 nos próximos meses, ata chegar ás 142
Bergondo (A Coruña), 21 de setembro de 2021
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe a conservar a vixencia dos valores do Camiño de Santiago que, ao longo da historia, recordou, guían á nosa sociedade inspirando a convivencia.
Durante o acto de apertura da XXIII Edición da Escola de Verán do Poder Xudicial, baixo o título Camino de Santiago: camino de paz y justicia, Feijóo salientou que a Ruta Xacobea é historicamente un vector de vertebración cultural e social sen o que non entenderíamos a Europa de hoxe.
“Ao longo do traxecto os peregrinos exercen os mellores valores europeos: a tolerancia, a convivencia, o respecto ao outro e o afán constante por chegar”, abundou.
O responsable do Goberno galego aproveitou a súa intervención para agradecer, “nesta época que, a miúdo, lle sobra o ruído”, espazos de reflexións coma este foro que fomentan a análise.
Así mesmo, garantiu o compromiso da Xunta coa modernización da Administración de Xustiza, a través de medidas que faciliten o labor de todos os seus traballadores e ofrezan aos cidadáns un servizo eficiente.
Nesta liña, referiuse ao Plan de infraestruturas xudiciais, dotado con máis de 120 millóns de euros, que culminará este ano co remate da Cidade da Xustiza de Vigo, e ao inicio da construción dunha sede propia do Instituto de Medicina Legal de Galicia.
O presidente do Goberno galego recordou tamén que xa se teñen implantado 20 salas dixitais coa previsión de sumar outras 66 nos próximos meses, ata chegar ás 142. Unha iniciativa que forma parte do Plan Senda dotado con 50 millóns de euros, practicamente xa executados.
Outras novas
-
Tue Apr 21 09:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia destina máis de 300.00 euros a accións promovidas por asociacións de amigos do Camiño
-
Sat Apr 18 14:00:00 CEST 2026
Turismo de Galicia inviste máis de medio millón de euros na mellora da seguridade da Vía da Prata
-
Fri Apr 10 14:00:00 CEST 2026
A Xunta e a Asociación de Amigos do Camiño promoven un Encontro de Corais o día 18 en Lugo
-
Tue Apr 07 13:00:00 CEST 2026
Xosé Merelles reafirma a folla de ruta da Xunta para un Xacobeo 2027 planificado e estruturado